Patrimonio: PORTAS ABERTAS AO PATRIMONIO XACOBEO

PORTAS ABERTAS AO PATRIMONIO XACOBEO

O Museo das Peregrinacións e de Santiago estrea nova sede

A praza das Praterías, no corazón mesmo de Compostela, acolle a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que estes días abre as súas portas para achegarnos o patrimonio vinculado co Camiño e coa historia da cidade. Algunhas das pezas da nova colección permanente poden verse estes días por vez primeira.

 

Ler máis

A colección iniciada en 1951 na Casa Gótica de Santiago exhíbese agora, ampliada, ao carón da catedral, no edificio rehabilitado polo arquitecto Gallego Jorreto, para adaptalo ás novas necesidades do século XXI. As pezas do antigo coro pétreo catedralicio do Mestre Mateo, a cruz procesional de finais do século XVIII do reputado prateiro Jacobo Pecul, a cuncha de vieira recuperada no sepulcro dun peregrino medieval ou un libro ilustrado do século XVI sobre as mulleres do Camiño de Santiago poden descubrirse no novo percorrido expositivo do museo.

Aproveitade as xornadas de portas abertas, con acceso de balde, ata o 15 de novembro!

Comparte