Patrimonio: O SOROLLA ÍNTIMO, EN GALICIA
O SOROLLA ÍNTIMO, EN GALICIA
O Museo de Belas Artes ofrece a visión do pintor da España de principios do s. XX
Un total de 32 bosquexos transpórtannos polo traballo de oito anos (desde 1911 a 1919) que o afamado pintor valenciano lle dedicou a plasmar a súa ollada dos diferentes territorios de España. Este Sorolla Íntimo pode verse no Museo de Belas Artes da Coruña.
Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España mostra por primeira vez ao público os bosquexos preparatorios para unha serie de catorce paneis monumentais sobre as rexións de España, a encarga que recibiu o artista para decorar as paredes da biblioteca da Hispanic Society of América.
Agora, tras a súa restauración en Valencia, estes 32 bosquexos recalan no Museo de Belas Artes da Coruña, antes de volveren para Nova York. Unha oportunidade única para gozar deles en Galicia, lugar de paisaxes e tipos presentes na obra do pintor. Así o demostran as pezas Gaitero gallego e Tipo de Galicia, realizados durante a estadía de Sorolla en Vilagarcía de Arousa, onde se instalou en 1915 para pintar La romería, outro dos paneis encargados para a Hispanic Society of América.
Que sexa o Museo de Belas Artes da Coruña a institución galega encargada de acoller esta mostra non é senón a continuidade da súa vinculación cun artista ben presente nos seus fondos pictóricos. Destes, o excelente lenzo El Boyero castellano e outros de tema galego están incorporados á exposición, que poderá verse ata o 7 de xaneiro de 2017.
A mostra complementarase cun programa de visitas guiadas. Consultade toda a programación na Axenda da Cultura de Galicia.