Patrimonio: O PATRIMONIO EN TRES DIMENSIÓNS
O PATRIMONIO EN TRES DIMENSIÓNS
Visitas virtuais para descubrir as xoias artísticas que gardan mosteiros e conventos
Galicia é coñecida pola súa riqueza paisaxística, gastronómica e, como non, patrimonial e artística. Como a que custodian os centos de mosteiros e conventos partillados ao longo de todo o territorio galego e que, agora, están máis preto que nunca, sen necesidade de saír da casa, na rede e en tres dimensións.
Cun só clic, a través da aplicación web de Turgalicia ‘A maxia dos mosteiros’, pódense descubrir dun xeito case que tanxible pezas, figuras, fachadas, coleccións, cadros, retablos e multitude de detalles de 88 mosteiros e conventos de toda Galicia. Unha visita virtual que lle ofrece ao usuario perspectivas únicas, acompañadas por música e son de ambiente do recinto.
A golpe de clic, o mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil recibe o visitante con cánticos propios de monxes beneditinos que o transportan ata altura das catro naves da igrexa románica e progótica, nunha perspectiva única.
As campás do convento barroco das Capuchinas convidan a entrar pola fachada de portada única. No interior, agarda un cadro de San Francisco atribuído por algúns a Zurbarán.
Pouco máis dun segundo lle supón ao visitante percorrer os centos de quilómetros de distancia coa provincia de Lugo e descubrir o mosteiro de Santa María de Meira. Os sons solemnes do órgano que o acompañan merguñan o visitante na impecable sobriedade que transmite a súa arquitectura.
Ao sur, as viaxes tridimensionais ofrecen percorridos por patrimonios de grande interese como os que garda no seu interior o mosteiro de Santa María de Oia, que permite gozar nun mesmo espazo de arte románica, gótica e barroca.
Aos usuarios e usuarias que naveguen pola aplicación agárdanlles outras 84 viaxes máis, aínda que o máis seguro é que a beleza deste patrimonio anime a máis de un a erguerse da cadeira e a achegarse ao mesmo lugar para descubrilo.
Coleccións virtuais de museos
Coa mesma intencionalidade, museos como o das Peregrinacións e de Santiago, o Arqueolóxico Provincial de Ourense, o de Belas Artes, o Etnolóxico de Ribadavia, o Massó e o do Castro de Viladonga tamén abren as súas portas virtuais para acceder, dun xeito case que palpable, ás súas coleccións.
O 'touriño de bronce', procedente das escavacións realizadas na Colexiata de Iria Flavia, é tan só un petisco sensorial de todo o que lles está a agardar aos visitantes con esta aplicación no novo web dos museos de Galicia.
Ligazóns
- A maxia dos mosteiros
- Visitas virtuais a coleccións de museos
- Enlace á visita virtual ao mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil (Ourense)
- Enlace á visita virtual ao convento das Capuchinas (A Coruña)
- Enlace á visita virtual ao mosteiro de Santa María de Meira (Lugo)
- Ennlace á visita virtual ao mosteiro de Santa María de Oia