Patrimonio: O PATRIMONIO REINVÉNTASE

O PATRIMONIO REINVÉNTASE

Espazos Sonoros convida a gozar da riqueza patrimonial a través da música

Espazos de interese cultural, de importante valor histórico e artístico, non son só testemuño patrimonial do pasado. Un ano máis, o ciclo Espazos Sonoros convérteos no escenario dunha completa programación que nos fará viaxar polas antigas melodías europeas, pola paisaxe dos tubos dos órganos das igrexas e polas novas propostas escenográficas e de canción de autor galegas.

Ler máis

Música do medievo, actual, danza contemporánea, obradoiros e rutas guiadas son as eclécticas propostas que acollen diferentes espazos históricos e artísticos partillados por toda a xeografía de Galicia e coas que a sétima edición de Espazos Sonoros convida a cidadanía a vivir colectivamente esa riqueza patrimonial.

Proxectos que combinan tradición e contemporaneidade e que, baixo o poder engaiolante da música, se poden gozar desde o 14 de setembro ata o 26 de outubro en espazos únicos como igrexas, conventos, pazos e incluso paraxes como o poboado mineiro de Fontao, onde o cantautor Xoán Curiel ofrecerá o concerto de clausura do ciclo.

Espazos Sonoros reforza o valor destes enclaves como escenarios de protección e conservación de músicas que merecen a consideración de atemporais pola súa calidade artística excepcional. Por iso, non faltan no  programa musical repertorios medievais e renacentistas.

Propostas vangardistas

Mais á vez, Espazos Sonoros permite revisitar a funcionalidade destes edificios. Así, desde o respecto patrimonial-cultural, igrexas e conventos convértense en orixinais difusores das propostas máis vangardistas.

Nesta edición, a experimentación virá da man de Micro Impactos: unha orixinal peza de escenografía de son, imaxe e movemento que terá como escenario a igrexa da Madalena, en Ribadavia (Ourense).

Todo isto sen esquecer o patrimonio organístico galego que, unha vez máis, é protagonista de diferentes actividades musicais e formativas. En definitiva, un programa irresistible para os sentidos, onde a música se combina con xornadas de lecer e convivencia co patrimonio e coa natureza.

 

Comparte