Patrimonio: ILLAS CÍES - PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS
ILLAS CÍES - PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS
Achega ao patrimonio cultural das illas
Abril é o mes que se lles dedica ás Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas no calendario en Galicia do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Desta paraxe forman parte, ademais das propias Cíes, os arquipélagos de Ons, situado na ría de Pontevedra, e Sálvora e Cortegada, na ría de Arousa.
Trátase do único Parque Nacional de Galicia e, como tal, dunha parte indispensable da xeografía e historia da nosa comunidade, cuxa candidatura a patrimonio da humanidade está actualmente na listaxe final da Unesco.
Para poñer en valor o legado histórico e paisaxístico das illas promóvense este mes diversas iniciativas, como a mostra que realiza a Biblioteca de Galicia con diversos materiais relacionados cos seus valores naturais e culturais. Unha carta náutica do século XVIII de Jacques Nicollas Bellin da ría de Vigo e as “isles de Bayone”, gravacións sonoras, monografías ou unha postal da illa de Cortegada son algunhas das pezas que se exhiben.
Ao longo do mes, os arquivos de xestión autonómica apoiarán tamén a difusión e coñecemento do parque nacional coa publicación nas súas redes sociais de novas e documentos vinculados ás illas atlánticas de Galicia, para lle achegar á cidadanía este tesouro único.