Patrimonio: OS SEGREDOS DO MAR

OS SEGREDOS DO MAR

A Xunta investiga o patrimonio arqueolóxico subacuático das rías de Vigo, Corcubión e Viveiro-Ribadeo

A Xunta de Galicia traballa de xeito continuado e comprometido na conservación e protección do patrimonio arqueolóxico subacuático, un dos maiores tesouros da nosa comunidade. Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo axuda ao desenvolvemento do Plan Nacional de Protección do Patrimonio Arqueolóxico Subacuático (PNPPAS).

Ler máis

No ano 2011, a través dun convenio co Ministerio de Cultura que contou cun orzamento de 75.000 euros, a Xunta de Galicia realiza investigacións submarinas na ría de Vigo e na enseada de Rande, na ría de Corcubión e na baía de Fisterra e nas rías lucenses de Viveiro e Ribadeo.

Este convenio de colaboración permite continuar coa realización dos traballos de localización e rexistro deste patrimonio arqueolóxico, sendo a tarefa máis necesaria nestes momentos para a súa protección. Ademais da elaboración da carta arqueolóxica subacuática da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo e o Ministerio de Cultura teñen como fin concienciar dun xeito coordinado a todos os departamentos e administracións públicas implicadas nesta protección, adoptando unha serie de medidas concretas para a salvagarda, conservación e difusión deste rico patrimonio que se atopa nas nosas augas. Preténdese alcanzar o maior grao de eficacia e coordinación neste labor para evitar calquera tipo de actividade expoliadora que afecte directamente a este patrimonio. Do mesmo xeito, procúrase que actividades subacuáticas legalmente autorizadas non incidan negativamente na súa conservación.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, continúa coa liña de traballo marcada nos últimos anos e na que destacan diversos traballos de prospección arqueolóxica subacuática en varias áreas do litoral galego coa fin de dispor da información necesaria deste patrimonio cultural para a súa protección e conservación. Froito destes traballos, nos últimos anos localizáronse diversos materiais arqueolóxicos que foron depositados na sede do Museo do Mar, en Vigo, e dos que foi preciso levar a cabo traballos específicos de conservación.

Rande destapa os segredos de 1702
Durante o transcurso dos traballos levados a cabo na ría de Vigo, comprobáronse dezanove puntos dos que seis poderían estar relacionados coa batalla de Rande do ano 1702. Á vista das conclusións dos traballos, os obxectivos da campaña foron superados. Nesta campaña comprobáronse máis do 50% dos puntos localizados nas campañas de xeofísica de 2007 e 2008, localizáronse novos pecios relacionados coa batalla de Rande, rexistráronse barcos de épocas posteriores e que foron inventariados e recolléronse novas referencias orais de mariñeiros e pescadores.

En detalle, nestes dezanove puntos inclúense tres pecios verificados da batalla de Rande, tres puntos con referencias relacionadas coa batalla do século XVIII, sete puntos nos que se localizaron embarcacións de épocas posteriores e outros seis puntos sen verificar ou con resultados negativos. No ano 1702, na ría de Vigo, tivo lugar a batalla de Rande enmarcada no contexto da Guerra de Sucesión. Unha numerosa flota de barcos españois e franceses procedente de América con destino a Cádiz e cun valioso cargamento de ouro e prata, tivo que dirixirse á Ría de Vigo, onde foi atacada por ingleses e holandeses. A maioría dos barcos francoespañois foron afundidos. A batalla de Rande converteu a Ría de Vigo no depósito arqueolóxico subacuático máis emblemático das costas galegas. Segundo a investigación arqueolóxica realizada e considerando as fontes bibliográficas e documentais podemos falar duns 30 pecios relacionados coa batalla de Rande.

Nos tres primeiros puntos puidéronse identificar restos dos pecios da batalla de Rande. Neles observáronse restos da estrutura dos barcos como cadernas ou forro, así como pedras do lastre, ladrillos refractarios ou bolas de cañón. Noutros tres puntos diferentes, constatáronse referencias fiables sobre a existencia de barcos desta época e aínda que tamén foron inspeccionados non puideron verificarse pola sedimentación e algas. Nos sete puntos nos que foron localizadas embarcacións de épocas posteriores, séculos XIX ou XX, non se descarta que poida existir superposición de restos, o que implica que poderían atoparse estruturas de épocas anteriores, quizais pecios tamén da batalla de 1702. En seis puntos nos que tamén traballou a expedición, ou ben non se puideron verificar as referencias ao non localizarse durante as inmersións ou ben obtivéronse resultados negativos.

Dous xacementos da flota de 1596 descubertos en Corcubión
Durante os traballos de prospección arqueolóxica subacuática e de cartografía no entorno do cabo de Fisterra e da ría de Corcubión, descubríronse catro novos xacementos, dous deles pertencentes á flota de 1596 ao mando do avanzado de Castilla Martín de Padilla, e outros dous documentados como vapores ingleses de finais do século XIX e principios do XX en profundidades de ata 54 metros. Comprobáronse máis de cincuenta puntos, nos que destaca a localización dunha áncora de ferro de tipo Almirantazgo.

Ademais, interveuse sobre outros catro pecios xa localizados con anterioridade. Ata o momento foron localizados 6 naufraxios da flota de 1596 entre un centenar de naves que partiron dos portos de Lisboa e Sevilla e dirixíanse a Irlanda transportando un exército que debería apoiar aos irlandeses na loita contra a ocupación inglesa da illa. Na presente campaña foron documentados dous dos pecios da flota de 1596, xa localizados anteriormente. Destaca nun deles a presenza dun leme duns catro metros de lonxitude, virtualmente intacto, conservando gran parte dos seus ferraxes. Un achado practicamente único no mundo que é particular na arqueoloxía subacuática por ser este tipo de elementos os que primeiro adoitan desaparecer en caso de naufraxio. Durante a prospección arqueolóxica foron descubertos, enterrados na area nunha nova localización, elementos de madeira, probablemente pertencentes a outra nave da flota de 1596 que sería a sétima localizada. Nos pecios localizados desta flota documentáronse numerosas pezas de artillería de diferentes tipos e materiais como bronce, ferro fundido e ferro forxado. Armamento lixeiro entre os que destacan arcabuces e espadas, ademais de numerosa munición en chumbo, ferro e pedra. Elementos da impedimenta do exército tamén foron documentados como chumbo para fundir munición, cureñas de artillería terrestre, equipos cirúrxicos do corpo de sanidade ou elementos pertencentes á vestimenta de soldados ou tripulantes.

Este ano, a comunicación por parte de pescadores do porto de Fisterra da presenza de elementos que puidesen ser buques afundidos, levounos a ampliar o rango de profundidades nos que ata agora se viña desenvolvendo o proxecto. Así documentaronse varios vapores de finais do século XIX e principios do século XX en profundidades ata os 54 metros. Estes pecios forman parte do Patrimonio Histórico Español por canto permaneceron máis de cen anos somerxidos, segundo establece a Convención da Unesco sobre a Protección do Patrimonio Cultural Subacuático subscrita por España.

Ademais, entre os resultados máis significativos de todas as campañas realizadas ata agora no marco do presente proxecto, destaca a localización dun naufraxio no cabo Fisterra que conserva un rico cargamento conformado por elementos suntuarios pertencentes aos seus pasaxeiros, ademais de moedas de prata e cobre. Do seu cargamento podemos destacar a presenza dun elevado número de cairos, ou defensas, de elefante, cuxa cantidade total non pode establecerse totalmente por canto este buque non puido ser estudado ata o momento en profundidade nin recuperado a maioría do seu riquísimo cargamento.
 

Comparte