Equipamento: Cidade da Cultura de Galicia
Cidade da Cultura de Galicia
Complexo cultural dedicado ao coñecemento e á creatividade, que acolle catro centros: Museo Centro Gaiás, Biblioteca e Arquivo de Galicia, Centro de Emprendemento Creativo e Centro de Innovación Cultural.
Sentímolo, non hai máis información que amosar.
Titularidade e xestión
Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Servizos
Cafetería, tenda, aparcadoiros
Prezo da entrada
Entrada á Cidade da Cultura: libre e de balde
Entrada ás exposicións temporais do Museo Centro Gaiás: Xeral: 4€ | Reducida: 2€ | Colectivos especiais: de balde
Modo de visita
Visita guiada ao complexo: fins de semana e festivos. De balde. Sen reserva previa.
Saída: desde o Punto de Información, ás 11:30 e ás 17:30.
Visitas didácticas á exposición: de martes a venres. De balde, previa reserva en visitasdidacticas@cidadedacultura.org.
Actividades non permanentes
Exposicións temporais, cursos, conferencias, concertos, actividades infantís....
Espazos
Museo Centro Gaiás
Chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI, o Museo Centro Gaiás é un dos edificios máis singulares e con máis posibilidades de uso da Cidade da Cultura, que aspira a converterse no centro expositivo de referencia de Galicia.
A espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie permítenlle ao Museo Centro Gaiás despregar unha oferta de actividades formativas e de divulgación que o converten nun centro activo e en continua renovación.
O Museo Centro Gaiás conta cunha superficie expositiva de 6.600 metros cadrados, dividida en tres plantas, nas que acolle exposicións temporais de fondo calado e instalacións que pola súa envergadura non poderían exhibirse noutros centros culturais de Galicia.
Biblioteca e Arquivo de Galicia
O edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia alberga estas dúas institucións independentes.
Cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual.
O Arquivo de Galicia, como cabeceira e de referencia do sistema de arquivos da comunidade, a súa misión é a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos públicos ou privados en calquera tipo de formato que, polo seu valor, precisen ser conservados. Ademais, o Arquivo de Galicia custodia os documentos emanados das actividades da Xunta de Galicia e os seus órganos dependentes, asegurando o seu acceso aos cidadáns.
Cunha ampla sala de lectura, unha potente rede wifi e un servizo de consulta dixital, a Biblioteca e Arquivo de Galicia ábrese aos usuarios como zona de estudo pero tamén como lugar para acoller diferentes eventos: desde concertos a proxeccións audiovisuais ou obradoiros. Unha función que se complementa co auditorio do que dispón o edificio, cunha capacidade para 120 persoas.
Centro de Emprendemento Creativo
Concibido como un centro especializado na incubación de empresas culturais e creativas galegas, o Centro de Emprendemento alberga nas súas instalacións a sede da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), organismo autónomo dependente da Xunta que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, traballando na procura dunhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras.
Conta cun espazo de coworking "Emprende Cultura Gaiás", un showroom e un viveiro de empresas.
Centro de Innovación Cultural
O corazón dixital da Administración galega ten o seu lugar o no Centro de Innovación Cultural, que acolle os departamentos de xestión e loxística da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Cunha superficie de 7.500 metros cadrados, o edificio consta de sete andares que albergan oficinas, unha cafetería para o persoal, dúas salas polivalentes e un salón de usos múltiples duns 500 metros cadrados para a realización de eventos.
Torres Hejduk e contorna
Inspirado na zona histórica de Compostela, a cidade deseñada por Peter Eisenman no Gaiás artéllase a través de rúas, soportais e unha gran praza central que comunica todo o complexo, converténdose nunha cidade con vida propia. Nesta contorna, as Torres Hejduk merecen unha mención especial. Foron deseñadas en 1992 polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000) como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, que non se chegaran a realizar.
Cantina
Unha taberna característica do rural galego trasladada a este moderno e espectacular complexo. Esta é a proposta que o estudo Nómada aplicou na Cantina, que recibiu o máximo galardón nos prestixiosos Restaurant & Bar Design Awards co que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo.
Datos de contacto
Dirección: Monte Gaiás, s/n. CP.15702 Santiago de Compostela
Teléfono: Centraliña: 881 99 75 65
Teléfono: Punto Información: 881 99 75 84
e-mail: online@cidadedacultura.org
Web: Cidade da Cultura
Responsable: Beatriz González Loroño
Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura
Horarios do complexo: de luns a domingo, de 08:00 a 22:00 (Inverno).
Horario de verán: de luns a domingo, de 08:00 a 23:00.
Horarios dos edificios: de luns a domingo de 10:00 a 20:00 horas, agás o Museo, que pecha os luns.
Horario do Punto de Información: De martes a domingo, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
Pechado: 25 de decembro e 1 de xaneiro.