Evento: Monstros

Monstros
venres, 8 marzo, 2024 - 20:00
Casa da Cultura Ramón Martínez López,
Boiro
Espectáculo teatral infantil a cargo da compañía Producións Teatráis Excéntricas

No exterior dunha sinistra casa, catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agochados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece. Pero como é? Atréveste a vir con nós e mirar á terrible criatura á cara?

“MONSTROS” é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquelo que consideramos monstruoso e tal vez por iso nos aterroriza. Pero faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Este espectáculo é unha viaxe. Acompañando a estes catro personaxes asistimos a un desfile de criaturas terroríficas que nos acaban ensinando que o atroz está nos ollos de quen mira. O que é diferente a nós, por veces, resulta aterrador. Unha vez que nos enfrontamos ao monstro e incluso xogamos construír o noso propio, nós tamén cambiamos. E se non é tan diferente a nós? Agora que nos atrevemos a tocalo coas mans, somos a mesma persoa á que aterrorizaban as sombras?

“MONSTROS” é o artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades.

“MONSTROS” é un espectaculo orientado para público escolar e familiar cun elenco de primeira. Patricia Vázquez, Rocío González e Víctor Mosqueira; e coa música en directo do músico Piti Sanz. Este elenco desenvolverá as moitas historias que exploran os nosos medos utilizando a técnica do clown. A vella arte dos pallasos que parodia sen maldade, critica sen intención e que nos reconcilia coa nosa alma infantil. Un espazo escénico case nú e a música en directo axudarán a levarnos de paseo polos ambientes mais sinistros: sórdidas catacumbas, casas enmeigadas, gabinetes de tortura, criptas de pesadelo. Quen son as autoras desta farsesca viaxe ao planeta do medo? María Lado e Lucía Aldao. Quen dirixe esta festival do humor e o terror? Marcos Orsi. 

 

Espectáculo co que Excéntricas comeza a celebración do seu 20º aniversario

Máis eventos de tipo Espectáculo

Desconcerto de Nadal
30 de decembro
Casa da Cultura de Visantoña
Cantares de Reis
30 de decembro
Casa da Cultura
Ondamina
11 de xaneiro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Nada se sabe
16 de xaneiro
Salón Teatro