Evento: Terceiro Acto

  • Cartaz Terceiro Acto
Terceiro Acto
venres, 4 outubro, 2024 - 18:00
Salón Teatro,
Santiago de Compostela

Terceiro Acto

Espectáculo teatral producido polo Centro Dramático Galego

As responsables da dirección e dramaturxia desta produción, Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, presentan a proposta deste espectáculo que se representou por primeira vez en 2021 e que se reestrea agora dentro da programación coa que o Centro Dramático Galego celebra este ano o seu 40º aniversario:

"A idea da conversa sempre está moi presente nos nosos espectáculos. Gústanos a idea do teatro como un foro, como un espazo de negociación que serve para tender pontes, para contradicirnos e para achegarnos uns aos outros.

Esta idea de conversación resúltanos profundamente conmovedora e para Terceiro acto, ante a pregunta de como podiamos permanecer vinculados ao pasado, nun tempo no que a fenda entre xeracións é tan grande que parece que non podemos herdar as experiencias dos que nos anteceden, propuxémonos ter unha longa e profunda conversa cun grupo de persoas maiores de 60 anos e que ademais dedicaran a súa vida á arte da interpretación e do teatro.

No camiño atopamos cinco persoas extraordinarias, cinco actrices e actores que se entregaron con absoluta xenerosidade á empresa de utilizar o teatro como un lugar para reencontrarse e reflexionar sobre certas cuestións que foron xurdindo ao longo do proceso e converténdose en relevantes. Reflexionamos sobre ese esplendor vital que emana moitas veces do que poderiamos dar en chamar "o terceiro acto dunha vida", preguntámonos como é o proceso de irse facendo maior, falamos dos anhelos, das perdas, dos soños que lles quedan por cumprir dentro e fóra dun escenario, do lugar onde nos coloca a sociedade ao írmonos facendo maiores. Xuntos, lembramos e reflexionamos sobre días pasados, analizamos o impacto da arte na vida destes cinco artistas e buscamos comprender como a historia destas mulleres e homes foi atra vesada pola Historia con maiúscula. Cinco persoas que naceron nunha ditadura e que na súa mocidade creron que podían comezar de cero e loitar por un novo mundo. En Terceiro acto analizamos tamén o seu legado e formulamos hipóteses sobre como será o mundo cando eles xa non estean.

Neste momento no que a historia corre a una velocidade endiañada, detémonos para escoitar atentamente, nunha especie de soño poético, a aqueles que van diante de nós, os gardiáns da memoria"

Dirección e dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez

ELENCO

Belén Constenla, César Cambeiro, César Goldi, Fernando Morán e María Costas

EQUIPO ARTÍSTICO

Escenografía Marta Pazos

Vestiario Yaiza Pinillos

Coreografía Amaya Galeote

Iluminación Miguel Ruz

Axudante de dirección Laura Míguez

Axudante de escenografía Carmen Triñanes

 

Venda de entradas: https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/teatro/46-salon-teatro-/...

Máis eventos de tipo Espectáculo

Biblioteatro
7 de setembro a 29 de novembro
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
A nena e o grilo camiño das cores
18 de novembro
Pazo da Cultura
Soños
21 de novembro
Edificio Multiusos
Helen Keller, a muller marabilla?
21 de novembro
Auditorio Municipal Gustavo Freire