Evento: Cinema Miúdo

Cinema Miúdo
xoves, 14 novembro, 2024 a domingo, 17 novembro, 2024
Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns,
Ames

Cinema Miúdo

Festival Internacional de Cine Infantil de Ames

Do 14 ao 17 de novembro, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns transformaranse no epicentro do cinema infantil coa celebración do Festival Internacional de Cinema Miúdo. Durante catro días, nenos e nenas de todas as idades poderán gozar dunha programación moi coidad de curtametraxes, talleres, e actividades especiais. As entradas e abonos xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono para todo o festival ten un prezo de 3 euros.

Esta edición, alcumada As orixes do Cinema, convida á cativada a unha viaxe pola historia da sétima arte, desde os clásicos do cinema mudo ata as animacións máis contemporáneas. Nas sesións Pioneiros da Animación e Pioneiros da Comedia, novidade deste ano, poderemos gozar dos enxeñosos gags de Chaplin, Lloyd e Keaton, e marabillarnos coas técnicas de animación máis rudimentarias e innovadoras.

Selección oficial e xurado

O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 abraiantes curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.

Todas as curtametraxes aspiran a alzarse con algún dos seis premios outorgados polo público, o xurado e o equipo de programación. Como novidade nesta edición daranse dous novos premios: un premio escolar, que levará a curta máis aplaudida durante as proxeccións que se fagan nas sesións escolares, e mailo premio Miguel López, O Hematocrítico, que será para aquela curta que teña unha relación directa coa literatura infantil. Miguel López foi membro do xurado na edición anterior de Cinema Miúdo.

Para o premio do público serán os pequenos espectadores os que emitan o seu veredicto ao remate de cada sesión. Por outra banda, cóntase con tres profesionais do sector: o ilustrador de cómics e director de animación, gañador dun Premio Goya, Martín Romero; a directora e animadora portuguesa de filmes de animación, Alexandra Ramires e o director da editorial infantil OQO, Xoán Couto.

A Máquina Fantástica, obradoiro de fotografía analóxica

O obradoiro A Máquina do Fantástica convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía. O taller terá lugar o sábado 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ambos a partir das 10:30h. As prazas son moi limitadas e é preciso formalizar a inscrición no mail actividades@abella.gal indicando nome, ideade e teléfono de contacto.

O taller ofrece aos participantes a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica. Unha estenopeica é unha cámara fotográfica sen lente, que consiste nunha caixa estanca á luz cun pequeno orificio por onde entra a luz, o estenopo, e un anaco de película no que se plasmará a imaxe. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa escura e como fixar esas imaxes en papel fotográfico utilizando técnicas clásicas de revelado. Ao finalizar a actividade, cada participante poderá levar á casa a súa primeira fotografía revelada como recordo tanxible da súa aventura creativa.

Actuación de Rudi Dudi e concerto interactivo de Caspervek

Ademais de cine, contarase con dúas actuacións nas galas de inauguración e clausura do certame. A inauguración, o venres 15 a partir das 17:00, estará amenizada por Rudi Dudi e o seu espectáculo de comedia xestual.

Na clausura, o domingo 17 ás 18:30h, contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo. Na primeira parte do espectáculo explicarán de xeito práctico a importancia das bandas sonoras, convidando aos asistentes a participar na creación dunha peza. A continuación musicalizarán en directo a mediometraxe Unha semana, de Buster Keaton, o gran xenio da comedia física:.

O Peliculón: ¡Linda quiere pollo!

O filme francés ¡Linda quiere pollo! está considerada unha das mellores películas de animación dos últimos anos e foi gañadora do Premio Césa a mellor Filme de Animación (o equivalente ao Goya no país veciño).

Cun estilo e animación áxiles e animados, Chiara Malta e Sébastien Laudenbach son quen de debuxar un océano de sentimentos a partir dunhas poucas pinceladas de cor, conseguindo transmitir e crear un fermoso vínculo nai-fila.

Festival amigo: GazteFilm Fest

O festival de cinema infantil e xuvenil de Vitoria-Gasteiz, Gaztefilm Fest, preparou unha selección con algunhas das mellores curtametraxes que pasaron polo seu certame.Caracterízase por traer pezas infantís e xuvenís contemporáneas de todo o mundo que non se exhiben nos circuítos comerciais. A súa selección salienta pola súa calidade e polo especial fincapé en temas de solidariedade e empatía entre pobos.

Trátase dunha colaboración especial e importante, que coloca Cinema Miúdo á altura dos mellores festivais de cine infantil de España. Únenos a paixón polo que facemos e o mutuo interese en achegarlle ese "outro cinema" á infancia.

Máis eventos de tipo Festival

Barbeira Season Fest 2023
7 de xuño a 11 de xuño
Varios espazos