Evento: Da boca da Literatura. Manuel Rivas, Premio Nacional de las Letras Españolas 2024
Da boca da Literatura. Manuel Rivas, Premio Nacional de las Letras Españolas 2024
Manuel Rivas, coruñés de Monte Alto, fillo de leiteira e albanel, narrador, poeta e ensaísta, é o Premio Nacional das Letras deste ano 2024.
Comezou a publicar moi novo no diario El Ideal Gallego, e tras finalizar o bacharelato, estudou Ciencias da Información en Madrid, onde se uniu ao grupo “Loia” xunto con outros galegos, como o poeta Lois Pereiro, en cuxo entorno comeza a fraguarse a súa escrita.
En 1979 escribe o seu primeiro poemario, Libro de Entroido, e en 1985 publica a súa primeira novela, Todo ben. Pero a obra que o dá a coñecer definitivamente é Un millón de vacas, publicada en 1990, conxunto de relatos que mostra algúns dos temas perennes na súa obra, a natureza, a paisaxe e as xentes que a ocupan.
En 1995 recibe o Premio Torrente Ballester e o Nacional de Narrativa 1996 por Que me queres amor? E en 1998 outorganlle o Premio de la Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Premio Arcebispo Xoán de San Clemente por O lapis do carpinteiro, novela que amosa outro do seus temas recorrentes, a Segunda República e o Golpe de estado de 1936. A mesma obra recibiu no ano 2001 o Premio 50 Aniversario da sección belga de Amnistía Internacional.
En 2006 foi Premio de la Crítica Española e en 2007 Premio da Crítica de Galicia por Os libros arden mal, tamén sobre os inicios da guerra civil e as consecuencias dun tempo sombrío para todo o país.
O xurado do Premio Nacional das Letras Españolas destaca na obra de Rivas “a extraordinaria calidade narrativa que liga, forza emocional e beleza formal e pola solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial.”
E segue dicindo que Rivas “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoutrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero.”
Membro da Real Academia Gallega, na que ingresou o 12 de decembro de 2009, a súa obra está traducida a múltiples idiomas, acadando numerosos premios na súa faceta literaria e xornalística. Rivas ten unha importante presenza nos medios galegos e españois, tanto como columnista no xornal El Pais, ou en La Voz de Galicia, como na dirección de cabeceiras como a da revista Luzes, fundada en 2013.
A mostra bibliográfica pode visitarse no 2º andar da biblioteca durante o horario de apertura.
Máis eventos de tipo Exposición