Evento: Antía Muíño
Antía Muíño
Antía Muíño converteuse nunha das revelacións da nova canción galega cando só contaba cun par de sinxelos publicados. Agora, Carta Aberta, o seu álbum debut editado por Raso, ten case 2 millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York) a finais de 2022. O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola máxica voz de Antía.
Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colaborou con artistas como Xabier Díaz, Baiuca ou Las Migas. Neste último ano, xirou por toda España, deu case unha decena de concertos en Portugal e ven de rematar a súa primeira xira por Marrocos, cunha grande acollida. Agora prepara novas cancións, que acompañarán nos directos ao seu aplaudido Carta Aberta. Ao vivo, Antía acompaña a súa voz ás veces de guitarra clásica e ás veces de pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional. Completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.
Máis eventos do ciclo Rede galega de música ao vivo



