Evento: Ataque Escampe
Ataque Escampe
Ver a Ataque Escampe en directo é unha experiencia difícil de esquecer. O seu espectáculo é a restra de emocións —da sensualidade á euforia, da melancolía ao furor— que cabe esperar do grupo que leva desde 2008 escribindo a banda sonora do noso espazo tempo en máis de 120 cancións: desde alfaias ocultas até auténticos himnos underground, como Segunda división, A vitoria, Noites de agosto ou Lamborghini, entre moitos outros. Non hai dous concertos de Ataque Escampe idénticos porque todos os sitios son especiais e todos os días memorables. A que talvez sexa a banda máis camaleónica do país explora en cada directo non só o seu inesgotable fondo de armario, senón tamén territorios musicais exóticos e heteroxéneos que convidan, por momentos, ao baile, ao desenfreo ou á comuñón colectiva dun público estrañamente transversal: o pop con fulgores synth que practican nos últimos tempos tínguese, así, de cumbia, krautrock, disco ou soukous congolés, segundo pida o corpo. E o que pode un corpo non o saberá ninguén.
Coa súa facilidade para a melodía, as súas texturas imposibles e o seu espírito agridoce, Ataque Escampe é unha banda con dúas guitarras que non fai rock de guitarras; unha banda con alma electrónica que executa en rigoroso directo todos os seus cacharros; unha banda divertida pero tenra e vulnerable; unha banda, en fin, que ao cantar sobre a súa vida canta sobre todas as vidas: un auténtico ovni no panorama musical galego do século XXI.
Máis eventos do ciclo Rede galega de música ao vivo



