Evento: Charla e presentación do cómic "Gloria"
Charla e presentación do cómic "Gloria"
Ámbolos dous falarannos da obra Gloria e do seu proceso de creación. Trátase dun ambicioso proxecto que nos traslada ata a Compostela dos séculos XII e XIII e sitúa a acción nun intre especialmente relevante da historia e da creación artística medieval, tanto galega como europea: a construción do Pórtico da Gloria, considerado un dos cumios da arte universal.
En Gloria (Todo é obra de artistas), Pío e Lola plantexan unha ficción histórica arredor da entrada occidental da catedral compostelá, a principal deste templo orixinariamente románico, aportando unha interesante visión que transcorre ao longo de máis de tres décadas e que está protagonizada principalmente por Gloria, unha talentosa moza que resulta ser sobriña do Mestre Mateo e filla dun dos principais colaboradores deste na construción desta peza artística, obra mestra tanto na escultura e na arquitectura como na pintura (como amosa a recente restauración da súa policromía inicial).
No salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.