Evento: Feira dos Santos
Feira dos Santos
Considerada a Feira das Feiras en Galicia, a súa orixe remóntase á Idade Media, vinculada a un imposto sobre o sal cobrado na contorna da vila. Tradición e autenticidade son dúas calidades que se poden aplicar á feira que por Santos se celebra en Monterroso, na comarca da Ulloa, e no centro xeográfico de Galicia. Polo menos, este mercado agrícola e gandeiro funciona desde 1450, data da que se teñen probas documentais, aínda que as últimas investigacións apuntan a que a feira pode ter unha antigüidade de 800 anos.
No século XX estaba consolidada como a primeira feira cabalar de Galicia e incluso tras a Primeira Guerra Mundial, cando outras feiras deixaron de celebrarse pola pandemia de gripe, Monterroso resistiu grazas aos vendedores de láudano e outros remedios contra a enfermidade.
O certo é que cada ano máis de cen mil persoas non deixan de asistir a esta cita que ofrece unha oferta de arredor dun milleiro de postos de venda ambulante. Alén da feira cabalar, Monterroso é o gran mercado dos produtos de tempada: queixos, castañas, mel, produtos cárnicos e doces, ademais de medio centenar de postos de polbo distribuídos por toda a superficie feiral. As rúas da vila son habilitadas para a instalación dos feirantes que ofrecen, ademais de produtos do campo, roupa e calzado.
O espazo acolle, ademais, actuacións musicais e degustacións gastronómicas locais. O mercado deu orixe á vila que se formou pola súa privilexiada situación como cruzamento de camiños de arrieiros, que comunicaban a costa galega con Castela e co resto da península.
Monterroso é, en definitiva, unha visita obrigada para calquera persoa interesada na cultura e tradicións de Galicia. Como di o cantar popular: “se ti viras o que eu vin alá arriba en Monterroso; vinte e cinco xastres xuntos, a cabalo dun raposo”.
Destacado: A degustación do polbo á feira.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular
