Evento: Sons miúdos
Sons miúdos
A música galega está pasando por un excelente momento, pois conta na actualidade con grandes e variadas propostas entre as cales destacan as destinadas ao público máis pequeno. Tanto é así que se pode dicir que Galicia e o galego están á cabeza do Estado en canto á creación de música infantil grazas a grupos como Mamá Cabra, A nena e o grilo, María Fumaça ou cantantes como Pablo Díaz, Paco Nogueiras, Xoán Curiel ou Sergio Tannus, creadores de propostas de altísima calidade que, ademais de ser didácticos e de facer un labor de normalización lingüística, tamén están logrando introducir ás nenas e nenos de Galicia no gusto pola música de diversos xéneros.
Tendo en conta todo isto,Sons miúdos quere facer evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil a través dun espectáculo que consegue reunir enriba dun mesmo escenario aos máis importantes músicos e cantantes destes grupos galegos. Conducido pola actriz Montse Piñón e o actor Pepablo Patiño irase fiando unha narración de xeito teatral que percorrerá a historia da música galega infantil dos últimos 15 anos a medida que se vai tocando unha lista de cancións escollida entre o repertorio dos e das cantantes colaboradores e tocada e cantada polos seus protagonistas.
Actividade dentro da programación Cultura no Camiño. Confirmar datas e horas nos concellos onde se representa.