Evento: Mostra da Olería de Buño
Mostra da Olería de Buño
Buño é hoxe en día o maior centro oleiro de Galicia, cunha vintena de homes e mulleres dedicados a este oficio que deu sona á localidade desde antano. Uns representan o oficio oleiro máis tradicional, coas súas queimadas, cuncas e viradeiras, e outros beben del e recrean novas propostas. Uns levan toda unha vida cultivando formas e cores tradicionais en pezas de singular beleza e perfecto acabado, co barro branco como único argumento decorativo, e outros son novos oleiros que se abren camiño con pezas de corte moderno. Hai quen traballa as pezas negras (cocidas nun forno de leña) e quen aplica azuis e amarelos vivos, listas horizontais ou esmaltes ás súas creacións. Hai quen está enraizado na tradición oleira coas súas cores terrosas e cálidas en pezas de orixe ancestral e quen abriu innovadoras liñas creativas e comerciais con bonecas estilizadas ou xogos de viño e de café de vistosas cores.
Toda esta explosión de propostas, tradicionais e vangardistas, nas que se perciben personalidades diferentes, delicadas creatividades e moito dominio do oficio, é obxecto da Mostra de Olería de Buño, que constitúe unha interesante mestura entre tradición e contemporaneidade. Co gallo da Mostra, organízase na localidade un completo programa de actividades para nenos, exposicións, concertos, representacións teatrais, xornadas gastronómicas e rutas turísticas organizadas ao longo de dez días.
Para non perderse:
Exhibicións de oleiros na Casa do Oleiro e cocedura tradicional no Forno do Forte.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular