Evento: Festa do Pemento de Herbón de Padrón

Festa do Pemento de Herbón de Padrón
sábado, 3 agosto, 2024 - 11:00
Carballeira do Convento dos Franciscanos,
Padrón

Festa do Pemento de Herbón de Padrón

Festa de Interese Turístico

“Os pementos de Padrón uns pican e outros non”, di o refrán popular. Nada que obxectar por que, malia as distintas teorías existentes, non se pode diferencialos (aquí reside unha parte da graza de comelos). Pero si se pode facer unha puntualización, en xusto recoñecemento ao lugar de procedencia do máis internacional dos produtos desta comarca bañada polo río Ulla: que os afamados y diminutos pementos verdes son, en realidade, de Herbón.

A carballeira do Convento dos Franciscanos desta parroquia padronesa é o escenario onde se rende homenaxe desde hai máis de trinta anos aos saborosos pementos que, frixidos e ben sazonados con sal, son os reis das tapas máis típicas de Galicia, entre viandas varias e frituras de peixe. Aquí, tras un vistoso desfile de tractores engalanados, ten lugar o pregón da festa e o nomeamento das novas damas e novos cabaleiros da Orde do Pemento de Herbón. Esta recoñece, ademais, cos seus respectivos medallóns os labores de promoción de entidades, persoas ou establecementos hostaleiros, e incluso o labor realizado no seu cultivo.

Ao longo do día, a organización reparte gratuitamente en torno a 3.000 kg de pementos entre os centos de asistentes, que gozan tamén da degustación de polbo e churrasco nas carpas instaladas á sombra da carballeira.

Destacado:

Percorrido de dous quilómetros, entre Padrón e Herbón, que realizan os colleiteiros nos seus tractores engalanados para a ocasión.

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Festa do Monte
5 de agosto a 15 de agosto
Monte de Santa Tegra
Festas Patronais de San Lourenzo
7 de agosto a 11 de agosto
varios espazos
Festa do Mexillón e do Berberecho
8 de agosto a 11 de agosto
Vilanova de Arousa
Mercado Medieval de Mondoñedo
9 de agosto a 11 de agosto
Mondoñedo