Evento: Queimada Popular de Cervo
Queimada Popular de Cervo
Organizada pola asociación cultural “Airiños do Xunco”, a Queimada Popular de Cervo reúne na vila arredor de 7.000 persoas. A praza do Souto é o escenario onde ten lugar a preparación da queimada (bebida a base de augardente e azucre), cun bruxo vestido de palla encargado de pronunciar o esconxuro e escorrentar os malos espíritos.
Cada ano é escenificada nesta festa unha historia vinculada a tradicións e lendas da zona, e sempre co mesmo fío argumental: o triunfo do ben, representado polo bruxo, sobre o mal, representado por bruxas, diaños, trasgos e toda a imaxinaría popular do inferno. Como mostra desta vitoria e do restablecemento do ben, ten lugar despois do esconxuro a queima do espantallo.
Ata ben entrada a noite, o baile e a música acompañan a degustación da queimada, para a que se empregan preto de 3.000 litros de augardente.
Destacado:
Desfile da comitiva das forzas do mal baixo a luz dos fachos desde as Escolas Vellas ata a praza do Souto.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular