Evento: O primeiro elepé vigués
O primeiro elepé vigués
Unha representación de músicos locais e do resto de Galicia serán os encargados de poñer voz e melodía nesta homenaxe ao “primeiro elepé vigués”, o Pergamiño Vindel. Farano interpretando as súas propias cancións, a música que sete séculos máis tarde ocupa diversos soportes: os pergamiños contemporáneos.
Un concerto co que celebrar o texto fundacional da lírica galaico-portuguesa, antes da súa marcha de Galicia, e homenaxear a esta nova xeración de trobadores da terra.
Presentados pola compositora e cantante Lydia Botana, polo concerto pasarán artistas veteranos, case cronistas sociais do tempo da movida como o guitarrista Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza ou Víctor Aparicio.
Os herdeiros directos da movida estarán representados por dous dos nomes propios da música española durante os noventa, Iván Ferreiro e Amaro Ferreiro; a violonchelista Rosa Cedrón, voz durante os seus primeiros anos con Luar na Lubre; e a gaiteira Susana Seivane.
Da etapa de cambio de século, teremos a presenza doutro activista da música viguesa, Eladio Santos, revisionista da canción popular galega e do pop internacional, con proxectos como Medusa ou Eladio y los Seres Queridos.
Por ultimo, tamén estará representada a xeración máis actual, coa cantante de soul Wöyza, a viguesa Patricia Moon e Lucía Martínez, a baixista de Agoraphobia.
Máis eventos de tipo Concerto