Evento: Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII

Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII
venres, 2 marzo, 2018 - 20:30
Museo Centro Gaiás,
Santiago de Compostela

Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII

Concerto de despedida do Pergamiño Vindel da man de Dores Tembrás e o Ensemble Micrologus

A Cidade da Cultura de Galicia despide o Pergamiño Vindel a través da música de Martín Códax na súa máis pura esencia con Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII. Unha actuación cun dos grupos de música antiga máis aclamados na escena internacional, Ensemble Micrologus, conducido por unha das novas voces da poesía galega actual, Dores Tembrás.

Dores Tembrás actuará como mestra de cerimonias, presentando o proxecto e introducindo as persoas asistentes na lírica medieval e incluso poñendo a súa voz para a cantiga de Martín Códax da que non se conserva a notación musical. Pola súa banda, o Ensemble Micrologus será o encargado da parte musical do acto, coas súas versións historicistas das cantigas de Martín Códax para as que empregará, como é habitual nesta formación, instrumentos de reprodución exacta dos conservados a nivel iconográfico nas imaxes da época e que están realizados por prestixiosos luthiers.

O Ensemble Micrologus (Asís, Italia) foi un dos primeiros grupos en facer promoción e promover o redescubrimento da música medieval, tarefa que vén facendo desde 1984 a través de novas formas interpretativas que axudaron a esta música a ser cada vez máis apreciada por un público crecente. Ensemble Micrologus basea a súa actividade na investigación e estudo de fontes directas (históricas, paleográficas, organolóxicas e iconográficas) para establecer hipóteses certeiras de como sería a interpretación da música medieval e a súa estética, o que acaba convertendo as súas interpretacións en únicas, achegándose máis ao que podería ser unha festa medieval. Ademais, tratan, na medida do posible, que os seus concertos teñan lugar en escenarios orixinais recuperando e fornecendo a razón pola que esas músicas foron creadas.

Dores Tembrás (Bergondo, 1979) é doutora en Filoloxía pola UDC e especialista na obra da poeta Alejandra Pizarnik. En 2009 publicou o seu primeiro poemario O pouso do fume; en 2012 O peizoque Roque; en 2013 faise co galardón Premio de Poesía Concello de Carral, coa obra Cronoloxía da urxencia, que se publica en 2014 no selo Espiral Maior. A súa obra aparece recollida en diversas antoloxías e obras colectivas.

Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII recreará na Cidade da Cultura de Galicia o repertorio medieval profano, músicas compostas por Martín Códax, pero tamén por outros grandes autores coetáneos, trobadores da época, como Don Dinis ou Alfonso X, e músicas das que non se conserva o autor ou que xa forman parte do repertorio tradicional.

Máis eventos de tipo Concerto

Son animal
14 de agosto
Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio