A presente guía ten por obxecto achegarlles aos propietarios, promotores e redactores de proxectos criterios sobre como actuar no territorio histórico dos camiños de Santiago, de modo que se garanta a salvagarda das súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas, e ao mesmo tempo se facilite e axilice o proceso de obtención das correspondentes licenzas ao dispoñer de recursos e información complementaria de axuda. As intervencións e actividades que se pretendan realizar sobre a traza dos camiños, na zona lateral de protección, no ámbito delimitado do territorio histórico e, de ser o caso, nas zonas de amortecemento, deberán someterse á autorización previa da consellería competente en materia de protección do patrimonio cultural, que poderá incluír as medidas protectoras e correctoras que estime necesarias para conservar os valores culturais dos camiños. Co obxecto de facer máis doada a consulta, a guía organízase nunha serie de fichas que se agrupan en seis capítulos: a rehabilitación das construcións tradicionais, as vivendas de nova construción, as edificacións agrarias ou industriais de nova construción, os espazos públicos, núcleos urbanos e polígonos industriais, infraestruturas, e actividades con impacto no territorio. En todo caso os criterios recollidos na guía deben entenderse como recomendacións, sen limitar a necesaria e desexable capacidade dos promotores e dos técnicos no exercicio da súa actividade de promover solucións innovadoras, propostas de carácter alternativo en materiais, medios e sistemas construtivos e de deseño que sexan quen de integrar as influencias do territorio e novas propostas que sirvan para enriquecer a nosa cultura dende o ámbito arquitectónico, mellorar a paisaxe e buscar nela as referencias para o seu desenvolvemento sustentable e a súa integración no ambiente.
Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños
Recomendacións para realizar intervencións arquitectónicas no territorio histórico da ruta xacobea que garantan a salvagarda do seu valor cultural