Os Itinerarios Culturais Europeos son unha iniciativa do Consello de Europa que pretende crear un vínculo entre a cidadanía de Europa e o patrimonio cultural. Trátase de rutas entre sitios de particular interese histórico e turístico, que procuran o enriquecemento mutuo e o intercambio, ao tempo que facilitan a conciencia dunha identidade europea común.
Os Itinerarios Culturais do Consello de Europa son 24 rutas, das cales 18 contan con participación española. Galicia participa en 6 deles:
- O Camiño de Santiago foi o primeiro de todos os europeos en conseguir esta mención en 1987.
- O Grande Itinerario Cultural de Viquingos e Normandos, incorporado en 1993, ten como socio o Concello de Catoira.
- Do Itinerario Europeo dos Cistercienses, incorporado en 2010, forman parte o Concello de Melón, o Mosteiro de Oia, o Hotel Mosteiro de Aciveiro e o Mosteiro de Oseira.
- A Ruta Europea dos Cemiterios, de 2010, ten como socio o Concello de Lugo.
- Os Camiños da Arte Rupestre Prehistórica, incorporado en 2010, ten como socio o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, a Área Arqueolóxica da Caeira en Poio, a Área Arqueolóxica de Tourón en Ponte Caldelas e os Petróglifos de Mogor en Marín.
- A Ruta Europea do Patrimonio Termal e das Cidades Termais, de 2010, ten como socio o Concello de Ourense.