Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2014

Debulla o traballo realizado no ámbito transversal da cultura desde o Goberno galego durante ese ano

Memoria de actividades de Cultura da Xunta de Galicia 2014 ofrece un resumo informativo das actuacións promovidas durante este ano no ámbito transversal da cultura. Trátase dunha publicación que permite coñecer as iniciativas, actividades e programación concreta promovida, impulsada ou participada polo Goberno galego. A obra edítase en prol da transparencia e ofrécelle á cidadanía unha explicación detallada do traballo e dos resultados acadados neste ámbito e, así mesmo, constitúese como unha potente ferramenta para a autoavaliación, á procura da mellora continua das políticas culturais postas en marcha polo Goberno galego.

A memoria ofrece o relato das liñas de actuación estruturadas en doce capítulos nos que se abordan as estratexias e actuacións destacadas do último ano no sistema bibliotecario e arquivístico; na protección e conservación do patrimonio cultural; na proxección da creación plástica e visual, por unha banda, e das artes escénicas e musicais, pola outra; na difusión e apoio ao libro galego e á literatura; nos eidos da democracia e a democratización cultural; nas celebracións e efemérides de 2014; nas accións da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Cidade da Cultura; e na internacionalización e proxección exterior.