Que é Mirando polo Camiño? É un programa educativo que procura concienciar as nenas e os nenos no respecto polo patrimonio cultural, empezando polo que existe na súa contorna inmediata como é o Camiño de Santiago.
Quen o desenvolve? A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con distintos organismos, para fomentar a innovación educativa nos centros mediante a participación en programas de diferentes ámbitos e para propiciar o traballo cooperativo e interdisciplinar.
En que consiste? Mirando polo Camiño facilítalles aos rapaces e rapazas o coñecemento do patrimonio cultural vinculado ao Camiño de Santiago, introduce os conceptos de protección, conservación e divulgación e o uso sostible. Deste xeito, achégaselle ao alumnado e á comunidade educativa unha idea do patrimonio cultural como a construción dun concepto de identidade a partir dun territorio, caracterizado polas pegadas que deixou nel a actividade humana.
A quen se dirixe? O programa está pensado para traballar co alumnado, preferentemente de primeiro e segundo da ESO, de maneira contextualizada sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que o centro educativo está emprazado.
Quen se fai este curso escolar? Traballarase sobre o Camiño Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, todos eles incluídos na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.