Domingo Villar (Vigo, 1971) estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela, pero logo dedicouse á elaboración de guións para cinema e televisión. Actualmente reside en Madrid, onde exerceu durante anos como comentarista gastronómico e literario en programas de radio e hoxe é colaborador habitual en diversos medios.
Creador do singular inspector Leo Caldas, Villar é hoxe un dos máis importantes escritores de novela negra en España, destacando a proxección internacional da súa obra, que el mesmo traduciu ao castelán e outros trasladaron tamén ao inglés, francés, alemán, italiano, ruso, checo, noruegués, hebreo, polaco, holandés, búlgaro ou sueco.
A primeira entrega das aventuras de Leo Caldas, inspector de policía nunha comisaría de Vigo, titulouse Ollos de auga (2006) e a seguinte A praia dos afogados (2009). Con ambas as dúas obtivo numerosos galardóns e recoñecementos, tanto nas súas edicións orixinais en galego como a través das diferentes traducións; entre outros: o Premio Antón Losada Diéguez, Premio da Federación de Libreiros de Galicia, Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Sintagma ou o Brigada 21, sendo finalista dos Crime Thriller Awards e o Dagger International no Reino Unido, o Le Point du Polar Européen en Francia e mais o Premio da Academia Sueca de Novela Negra.
A praia dos afogados foi levada ao cine no 2015 baixo a dirección do realizador español Gerardo Herrero, sendo responsables do guión o propio Villar e Felipe Vega.
Nestes momentos ultima a terceira entrega da triloxía protagonizada polo inspector Caldas, que se ha titular Cruces de pedra en homenaxe a Castelao, o intelectual galeguista exiliado en Buenos Aires nos anos corenta do pasado século.
A narrativa de Villar atrapa pola súa habelencia para a recreación de tramas mistéricas e a complementariedade enriquecedora dos seus personaxes, nunha escrita que non desatende os detalles na recreación das atmosferas e o humor nos diálogos e situacións.