O Selo de Patrimonio Europeo é unha acción comunitaria que nace co fin de pór en valor o patrimonio común dos pobos de Europa. Os sitios candidatos a este selo deberán ter un valor simbólico europeo e desempeñar un papel fundamental na historia e na cultura de Europa ou na construción e vertebración da Unión.
Con esta acción a Unión Europea procura reforzar o sentimento de pertenza á Unión dos seus cidadáns, en especial o da mocidade, sobre a base de valores e elementos compartidos de historia e patrimonio cultural europeos, así como da valoración da diversidade nacional e rexional, e reforzar o diálogo intercultural.
Son sitios elixibles:
- Os monumentos, os sitios naturais, os subacuáticos, os arqueolóxicos, os industriais ou urbanos, as paisaxes culturais e lugares de memoria, así como os bens e obxectos culturais e o patrimonio inmaterial, asociados a un lugar, incluído o patrimonio contemporáneo.
- Os sitios transnacionais: varios sitios situados en diferentes Estados membros e centrados nunha temática específica co fin de presentar unha solicitude conxunta, ou un sitio situado no territorio de, polo menos, dous Estados membros.
- Os sitios temáticos nacionais: varios sitios situados nun mesmo Estado membro e centrados nunha temática específica co fin de presentar unha solicitude conxunta.
En 2007, e como iniciativa intergobernamental, o Cabo de Fisterra foi distinguido co Selo de Patrimonio Europeo.