O Arquivo de Galicia nace no ano 2010 como cabeceira e centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia, con carácter intermedio e histórico (Decreto 207/2010, do 19 de decembro). Como cabeceira do Sistema simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade. Ten un papel fundamental na infraestrutura que debe asegurar o mellor funcionamento da Administración Pública de Galicia, ligando os seus fins aos conceptos de conservación permanente e de acceso aos documentos públicos.
Custodia os documentos producidos pola Xunta de Galicia e os órganos e entidades dela dependentes desde a súa creación (1982), que teñan un ámbito territorial superior a unha provincia, así como os de calquera organismo, institución ou entidade de ámbito autonómico, privado e público, que teña especial relevancia e sexan de conservación permanente polo seu valor histórico e cultural.
Ten a súa sede na Cidade da Cultura de Galicia, situada no monte Gaiás de Santiago de Compostela e proxectada polo arquitecto americano Peter Eisenman. O conxunto articúlase a través dunha trama de rúas, soportais, xardíns e prazas inspirada no casco histórico da cidade de Santiago de Compostela.