Os bens declarados de interese cultural son inscritos no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia. A xestión deste rexistro correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia irá reflectindo os actos que se realicen sobre os bens inscritos nel cando poidan afectar o contido da declaración, e dé fe dos datos consignados nel.
Publicación do Rexistro de Bens de Interese Cultural
Os datos do Rexistro de Bens de Interese Cultural son públicos, salvo as informacións que deban protexerse por razón da seguridade dos bens ou das súas persoas titulares, a intimidade das persoas e os segredos comerciais e científicos protexidos pola lexislación, así como os datos afectados pola normativa vixente en materia de protección de datos persoais.
No ámbito das tarefas de divulgación dos datos públicos mediante as tecnoloxías da información e a comunicación, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural achega a relación de BIC localizados en Galicia que contan cunha declaración, delimitación ou procedemento de inscrición específico. Os datos divídense, en función da natureza dos bens, en inmateriais, mobles e inmobles (e tamén neste caso segundo a súa categoría).
No caso dos bens inmobles, para facilitar a súa consulta, ofrécense os datos por provincia e concello, coa indicación da denominación do ben e os datos relativos á norma pola que se lles recoñece o seu valor sobranceiro e, no seu caso, tamén a súa delimitación.
Regulamentación do contido do Rexistro de BIC
Conforme ao disposto na disposición transitoria primeira da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, continuarán sendo de aplicación a todos os procedementos de declaración de interese cultural as normas regulamentarias vixentes á súa entrada en vigor que regulan o dito procedemento, en tanto non se opoñan ao disposto nesta lei, polo que para as solicitudes e definición do contido dos bens do Rexistro de BIC segue en vigor o disposto no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de ben de interese cultural e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural para Galicia (DOG nº 14 do 22 de xaneiro de 1992), nas condicións descritas.