Nova: Os traballos da Xunta no xacemento de proendos sacan á luz a superficie completa dun hórreo romano

01/09/2022

Os traballos da Xunta no xacemento de proendos sacan á luz a superficie completa dun hórreo romano

A escavación sitúao como un lugar clave para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra

As intervencións impulsadas neste espazo arqueolóxico nos últimos anos elevan o investimento do Goberno galego por riba dos 83.000€
 

Sober (Lugo), 1 de outubro de 2022 Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no xacemento arqueolóxico de Proendos veñen de sacar á luz a superficie completa dun hórreo romano, unha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos. Así o comprobou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á actuación no concello de Sober.
 

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, esta intervención dá continuidade aos proxectos impulsados polo Goberno galego nos últimos anos para afondar nos valores culturais deste xacemento, co que o investimento da Administración autonómica se eleva xa por riba dos 83.000€. “O esforzo que estamos facendo para investigar neste xacemento ten recompensa e hoxe podemos coñecer con maior exactitude a importancia que xa tiña Sober na época romana”, salientou.

 

Neste senso, engadiu que os resultados desta escavación axudan a comprender como vivían as antigas civilizacións na nosa terra e cal foi a incidencia da súa pegada na realidade que hoxe coñecemos. “Os achados no xacemento de Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra”, expuxo.

 

Recuperación do patrimonio

Esta actuación, así como as impulsadas pola Administración autonómica con anterioridade, enmárcase no compromiso do Goberno galego por recuperar e poñer en valor o noso patrimonio máis antigo actuando en diferentes xacementos, covas, castros e outros restos arqueolóxicos da nosa Comunidade.

 

En concreto, este proxecto permitiu identificar o tamaño completo do hórreo romano localizado na última campaña. Trátase dunha estrutura de máis de 5 metros de ancho e 7 de largo que ocupa unha área de 44,5 metros cadrados. Ademais, no transcurso da intervención tamén se identificou unha posible plataforma de acceso ao mesmo e un conxunto de lousas que bloquean as rúas de ventilación e que, segundo os especialistas da empresa Tempos Arqueólogos S.L, encargada da escavación, poderían indicar o seu uso en diferentes momentos, posteriores ao século I. Tamén foron localizados catro muros de estruturas indeterminadas e que continúan máis aló dos límites da escavación.

 

Desde o ano 2019

Os achados rexistrados nos actuais traballos e a última campaña impulsada pola Xunta inclúen a constatación da existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente; a localización dunha ábsida circular de orixe romana, numerosos materiais e restos das estruturas das edificacións ou fragmentos dun mosaico romano.

 

Cómpre lembrar que a prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

 

Comparte