Nova: O Teatro Principal de Ourense estrea un novo equipamento de iluminación escénica cunha axuda da Xunta para modernizar as infraestruturas culturais

03/01/2023

O Teatro Principal de Ourense estrea un novo equipamento de iluminación escénica cunha axuda da Xunta para modernizar as infraestruturas culturais

Ourense, 3 de xaneiro de 2023

O Teatro Principal de Ourense está a estrear un novo equipamento profesional de iluminación escénica, para o que contou co apoio económico da Xunta de Galicia a través da liña de axudas para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e de música. Na súa recente visita ao espazo da rúa da Paz, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, tivo a oportunidade de coñecer da man do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil, e da directora do Principal, Olga Mojón, que melloras introducirá este novo sistema dixital nas representacións dos espectáculos, ademais de comprobar os traballos de conservación e mantemento acometidos nos faldróns da cuberta do edificio.

Para ambos investimentos, a Deputación ourensá dispuxo dunha subvención de máis de 38.000 euros a raíz da primeira convocatoria do devandito programa de axudas. Nestes momentos, atópase en trámite de resolución a segunda quenda desta liña, coa que se eleva a 2,08 millóns de euros o investimento na mellora de teatros, auditorios e salas, tanto de xestión pública como privada ao abeiro dos fondos Next Generation EU.

Comparte