Nova: O Bono Cultura da Xunta xera ingresos por valor de 1,6 M€ nos establecementos galegos

04/01/2023

O Bono Cultura da Xunta xera ingresos por valor de 1,6 M€ nos establecementos galegos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, valora moi positivamente “esta segunda edición que cumpre os obxectivos ao favorecer o sector e incentivar o consumo cultural”
 

Durante a campaña rexistráronse un total de 41.582 operacións de compra de produtos como libros, música en formato físico ou entradas para cine, entre outras
 

Puxéronse en circulación 20.000 bonos que se empregaron en máis de 500 establecementos entre librarías, salas de cine e espectáculos, museos...
 

Salienta que este ano 2023 o Goberno autonómico dará continuidade ás políticas de apoio á cultura cun investimento superior aos 104M€, un 8,5% máis que o ano pasado
 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023 A campaña do Bono Cultura da Xunta de Galicia deste ano pecha xerando ingresos por valor de 1,6 M€ nos establecementos galegos. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, valora moi positivamente esta segunda edición coa que, expresa, “á vista dos bos resultados económicos cumprimos obxectivos e seguimos fortalecendo o sector e incentivando o consumo cultural entre os galegos”.

A iniciativa, que se puxo en marcha o 2 de novembro e rematou o pasado 31 de decembro, rexistrou un total de 41.582 operacións entre os usuarios e facilitou descontos do 50% na compra de produtos como libros, música en formato físico, entradas para museos, cines ou espectáculos escénicos, entre outras.

Por provincias, o 50,25% das operacións rexistráronse na de Pontevedra, o 33% na da Coruña, o 8,6% na de Ourense e o 3,17% na de Lugo. Puxéronse en circulación 20.000 bonos que se empregaron en máis de 500 establecementos como librarías, salas de cine e espectáculos ou museos de toda Galicia.

A edición do Bono Cultura estaba dirixida a calquera persoa maior de idade que tivese a súa residencia en Galicia, así como aos establecementos do sector cultural que podían comercializar os seus produtos. Este ano a Xunta ampliou os seus obxectivos buscando, por un lado, incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo así como impulsar o sector axudándoo a reducir o impacto económico marcado polo actual contexto económico de suba de prezos. Tamén se melloraron algúns dos requisitos para as empresas e ampliouse o teito de gasto que podían alcanzar nos seus establecementos.

Máis apoio á cultura

Román Rodríguez referiuse á importancia desta medida no marco das políticas de apoio á cultura que están a seguir impulsando esta industria en Galicia. “Unha política de apoio á cultura que imos aumentar neste 2023 cun investimento global que supera os 100M€, un 8,5% máis que o ano anterior”.

Como expresou, as contas atenden a todos os sectores (musical, audiovisual, libro, artes escénicas e plásticas...). Neste sentido, referiuse a propostas nas que se están a traballar como a Galicia Film Commision, o proxecto de Bibliotecas Móbiles para estender estes servizos ao rural, o Proxecto Xeración Cultura, a aceleradora de proxectos musicais ou novas leis como a de Cultura Inclusiva e Accesible e a de Cultura Dixital, entre outras iniciativas.

Comparte