Nova: A cantora galaico-portuguesa María do Ceo celebra os seus 25 anos de carreira cun disco dedicado a Galicia e á lingua galega

12/01/2023

A cantora galaico-portuguesa María do Ceo celebra os seus 25 anos de carreira cun disco dedicado a Galicia e á lingua galega

‘Galicia Nai’, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, é o décimo sétimo traballo da intérprete de Porto e está composto por 12 poemas de autores e autoras da terra

Ourense, 12 de xaneiro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na presentación do último traballo da cantora galaico-portuguesa María do Ceo, Galicia Nai, un libro disco dedicado integramente a Galicia e á lingua galega co que a intérprete celebra os seus 25 anos de carreira musical e que conta co apoio da Xunta.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a traxectoria de María do Ceo, “baseada no achegamento entre a lingua e a cultura galega e a portuguesa e na que, asiduamente, conta co apoio da Xunta de Galicia”, indicou. Ademais, quixo “agradecer, unha vez máis, o labor a prol da unión das linguas existentes ás dúas beiras do Miño e o compromiso profesional e persoal de María do Ceo coa que é a súa terra de adopción, tal como deixa patente en Galicia Nai” na liña dos obxectivos da Lei Paz Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Canda o secretario xeral tamén participaron no acto, que acolleu o Liceo de Ourense, o presidente desta entidade, Xavier Casares Mouriño; o presidente do Foro Enrique Peinador e autor do prólogo do traballo, Xosé González Martínez; Armando González López, médico e poeta, e a propia cantante. A xornada estivo amenizada pola actuación de María do Ceo, quen interpretou tres pezas recollidas en Galicia Nai. Ademais, presentouse o videoclip do primeiro sinxelo do disco, A Fala, da autoría de Manuel María, realizado por Alberto Outeiriño, Roberto Cid e José Juan P. Ramos.

Declaración de amor a Galicia

Galicia Nai supón unha declaración de amor a Galicia e á súa xente, pero tamén pretende ser un disco comprometido co idioma e coa muller. En total, reúne 12 poemas musicados de autoras da terra de distintas épocas e con distintas sensibilidades poéticas: Rosalía de Castro, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Ricardo Carvalho Calero, Pepe Velo e Armando González López.

 

O traballo, que é o décimo sétimo disco da cantante de Porto, conta cun prólogo de Xosé González Martínez e coa música de José e Álex Salgado á guitarra e guitarra portuguesa, respectivamente, de Fernando Campos ao baixo, de Rosalía Vázquez ao chelo, de Ricardo Morente ao violín e de Kinhos Saburido á percusión.

Comparte