Nova: Rueda insiste na petición ao Goberno central dun Perte cultural para impulsar en Galicia un sector capaz de xerar benestar tanto no social como no económico
12/01/2023
Rueda insiste na petición ao Goberno central dun Perte cultural para impulsar en Galicia un sector capaz de xerar benestar tanto no social como no económico
Valora o Consello da Cultura Galega como unha institución que promove unha Galicia integradora, diversa e sen fronteiras
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu hoxe na súa petición ao Goberno central da posta en marcha dun Perte cultural para impulsar en Galicia un sector capaz de xerar benestar tanto no social como no económico. O titular do Goberno galego incidiu nesta demanda na súa intervención no pleno ordinario do Consello da Cultura Galega, ao que asistiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Alfonso Rueda recordou que hoxe en día hai en Galicia 35.400 persoas que traballan no eido da cultura, 500 máis que no primeiro trimestre do 2022, e que todos eles sufriron os efectos dunha pandemia perante a que o Goberno galego reaccionou cun Plan de reactivación cultural e con medidas de apoio como o Hub Audiovisual, o Bono Cultura ou a iniciativa Territorio Cultura. Ao entender do presidente da Xunta, agora cómpre dar un novo paso, polo que incidiu na necesidade de que o Goberno central poña en marcha o Perte cultural solicitado desde Galicia “para dar un pulo extraordinario ao sector”.
O titular do Goberno galego puxo en valor a función do Consello da Cultura Galega como unha institución que, desde a súa creación impulsada por Xerardo Fernández Albor e con Ramón Piñeiro como primeiro presidente, ata o día de hoxe con Rosario Álvarez á fronte, promoveu unha Galicia integradora, diversa e sen fronteiras “que fai de nós un país grande, unido e aberto”. Alfonso Rueda subliñou, ademais, que ano que acaba de comezar traerá para Galicia acontecementos que enriquecerán aínda máis a súa bagaxe cultural, desde a celebración das Letras Galegas en homenaxe a Francisco Fernández del Riego ata as efemérides e actos que conmemorarán a figuras como Picasso na súa etapa galega, Manuel Murguía, Carlos Oroza, Urbano Lugrís ou María Antonia Dans.