Nova: O volume ‘Unha amizade con Ferrol ao fondo’ editado co apoio da Xunta reúne a correspondencia entre os escritores Carvalho Calero e Tomás Barros

13/01/2023

O volume ‘Unha amizade con Ferrol ao fondo’ editado co apoio da Xunta reúne a correspondencia entre os escritores Carvalho Calero e Tomás Barros

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do libro, da autoría de Xosé Ramón Freixeiro, publicado co gallo do centenario do nacemento de Barros

Ferrol (A Coruña), 13 de xaneiro de 2023.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do volume Unha amizade con Ferrol ao fondo. Correspondencia entre Carvalho Calero e Tomás Barros (1947-1983), do catedrático da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato. O libro, editado polo Club de Prensa de Ferrol en colaboración coa Xunta de Galicia e o concello de Ferrol, sae do prelo co gallo do centenario do nacemento de Tomás Barros o pasado 2022.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saudou a publicación dun traballo que permite “afondar no coñecemento do exilio interior, a coñecer mellor as súas figuras fundamentais e a entender como se xestaron proxectos relevantes para a lingua e a cultura galegas”.

 

No acto, que tivo lugar no Centro Torrente Ballester, tamén interviñeron Xosé Ramón Freixeiro, autor do volume; Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e autora do limiar; e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol.

 

Case 40 anos de correspondencia

En Unha amizade con Ferrol ao fondo inclúese un rigoroso estudo da relación epistolar entre os dous intelectuais do século XX que deixa ao descuberto a personalidade do homenaxeado nas Letras Galegas 2020, Carvalho Calero, e o que fora o seu discípulo, alumno e amigo, Tomás Barros, ao tempo que se afonda nas inquedanzas literarias e creativas a prol da cultura galega que ambos intercambiaron durante case 40 anos.

 

Todo isto contado por Xosé Ramón Freixeiro, quen, á súa vez, fora alumno de Barros. Nado na aldea de Vilanova (Carballo, A Coruña) en 1951, Freixeiro foi profesor titular e posteriormente catedrático na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galego-Portuguesa ata a súa xubilación en 2021.

 

A súa actividade investigadora está centrada na gramática galega, a lingua literaria e a estilística, ben como a relación entre a lingua galega e sociedade, tanto na perspectiva histórica como na actual. Resultado desa actividade é a publicación de diversas monografías, artigos especializados en revistas e libros colectivos, alén de traballos de carácter divulgativo. No tocante ao estudo da lingua e estilo de diferentes autores destacan especialmente as achegas que fixo sobre Noriega Varela, Rafael Dieste, Manuel García Barros, Sebastián Martínez Risco ou Manuel María.

Comparte