Nova: Rueda asiste ao Certame de rondallas da área de Vigo, un encontro que contribúe á promoción e á difusión da cultura galega
15/01/2023
Rueda asiste ao Certame de rondallas da área de Vigo, un encontro que contribúe á promoción e á difusión da cultura galega
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao Certame de rondallas da área de Vigo, un encontro musical que contribúe á promoción e á difusión da cultura galega.
O titular do Goberno galego, que acudiu á quinta edición do certame acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou o bo facer das 14 rondallas que participaron no concurso e agradeceu o traballo dos participantes e da organización para dar a coñecer e promocionar unha parte moi valiosa da tradición cultural galega.
Alfonso Rueda garantiu o apoio da Xunta ao certame e deu os parabéns a Vigo e a súa área por ser quen de conxugar con harmonía as tradicións coas manifestacións culturais máis vangardistas, como exemplo dunha Galicia diversa, aberta e rica nas súas expresións artísticas.