Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega 1,1 M€ para programar 320 funcións escénicas e musicais en 40 municipios ata xuño
16/01/2023
A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega 1,1 M€ para programar 320 funcións escénicas e musicais en 40 municipios ata xuño
A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto co obxectivo de garantir unha vía estable para a exhibición dos espectáculos galegos e de contribuír a unha oferta cultural diversa e descentralizada
A carteleira semestral, na que se inclúen algunhas das principais estreas da temporada, mantén os niveis de investimento en contratación artística do ano pasado, que se pechou cun balance de 527 actuacións
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2023
A Xunta de Galicia e as 40 entidades locais asociadas á Rede Galega de Teatros e Auditorios cofinancian con 1,1 millóns de euros o desenvolvemento da nova carteleira semestral deste circuíto, no marco do que se celebrarán preto de 320 funcións a cargo de 114 compañías de artes escénicas e grupos de música ata finais do vindeiro mes de xuño.
Mantéñense así os niveis de investimento en contratación artística rexistrados ao abeiro desta programa autonómico en 2022, que se pechou cun balance anual de 527 actuacións e cun incremento orzamentario de máis dun 12% respecto a 2021, reforzando o seu papel como unha das principais vías para a distribución dos espectáculos producidos profesionalmente en Galicia.
Estreas teatrais
Os espectáculos teatrais, a gran maioría de produción galega, concentran boa parte da oferta da rede, con 250 funcións programadas −68 delas, especialmente para o público familiar− a cargo de 79 compañías profesionais. Destacan, entre eles, algunhas das agardadas novidades da actual temporada teatral, como a estrea a pasada fin de semana no Teatro Rosalía Castro de Mosca, no que a compañía Ártika aborda o drama do acoso escolar con Gustavo del Río na dirección, ou de Vox Populi, de Malasombra, ópera rock de gran formato que ofrecerá as súas primeiras representacións públicas o venres 20 e o sábado 21 no Pazo da Cultura de Narón. O do Rosalía será tamén o primeiro escenario no que se poderá ver o 3 de marzo Unha inimiga do pobo, versión da obra de Henrik Ibsen a cargo de Talía Teatro.
Tamén terán as súas estreas na rede tres propostas incluídas na programación do Teatro Principal de Santiago: Pussy Cake, o novo de Matarile Teatro con dirección e dramaturxia visual de Baltasar Patiño, o 26 e 27 de xaneiro; Hamelin, a través da que Redrum Teatro ofrece unha visión contemporánea e inquietante do conto clásico, os días 23 e 24 de febreiro, e Códice-K, na que Ainé Produción se achega á historia do roubo do Códice Calixtino, os días 24 e 25 de marzo.
Ao tempo, a Rede de Teatros e Auditorios acolle formacións que se incorporaron recentemente ao panorama escénico galego e entre as que se atopan a meirande parte das adxudicatarias da convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a creación escénica de 2022, na modalidade para empresas de nova creación.
É o caso de O refuxiado, de Stracciatella Teatro, que puido verse o pasado xoves no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, onde tamén se exhibirá A nai, de Amorodio Teatro o vindeiro día 26, e O rapto da Befana, de Olivas Negras, o 21 de maio. Esta última proposta chegará antes ao Auditorio Lois Tobío de Gondomar (26 de febreiro), mentres que o Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo acollerá Backstage de NegroLópez o 17 de febreiro e Great Greta, de Greta Marí, o 28 de abril, e o Auditorio Municipal de Cedeira, a Compañía Humana con Iphixenia na porta do súper o 22 de marzo e Great Greta o 3 de xuño.
Tamén a danza ocupa un destacado lugar na carteleira, con 44 funcións ata finais de xuño, seguida doutros xéneros como a música, o novo circo e a maxia, que suman 25 representacións.
Programación da semana
A programación, que arrancou xa a semana pasada, ten prevista unha ducia de representacións nos vindeiros días, especialmente na fin de semana. Así, ademais da estrea de Vox Populi en Narón, o Gustavo Freire lucense recibirá o xoves 19 a Isabel Risco con Bravas, o sábado 21 a Xirriquiteula Teatre con Laika e o domingo 22 a Ghazafelhos con Ninja.
Ademais, o venres 20 Chévere presentará N.E.V.E.R.M.O.R.E. na Casa da Cultura de Bertamiráns; Teatro do Noroeste, Último verán en Santa Cristina no Teatro Rosalía da Coruña; Mofa e Befa, Pirolíticos no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco; Náufragos Teatro, Hugo no Auditorio de Arteixo, e Pares o Nones Producciones, o musical Tributo a Coco na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. O sábado 21 será a quenda de Sarabela Teatro con Contos arraianos no Centro Cultural e Xuvenil de Muros e de Soul Teller, alter ego musical de Miguel Ángel Julián, no Auditorio Manuel María do Carballiño.
A carteleira completa destes seis meses pode consultarse nas sección de axenda das webs de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.