Nova: Preto de 30 compañías participan na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense
26/03/2015
Preto de 30 compañías participan na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense
Máis de 30 espectáculos de teatro, danza, circo, concertos, coloquios, cursos e documentais do 16 ao 30 de abril
Grupos universitarios de Galicia compartirán escenario con outros do resto da Península e con compañías profesionais procedentes de Cabo Verde, Brasil, Portugal, Irán, Bélxica, Honduras, Estados Unidos e Italia
Ourense, 26 de marzo de 2015.- A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) celebra, do 16 ao 30 de abril, a súa vixésimo edición coa participación de preto de 30 grupos universitarios e compañías profesionais de Galicia, Portugal, Castela-A Mancha, Castela León, Andalucía, Madrid, Portugal, Navarra, Cantabria, Brasil, Cabo Verde, Bélxica, Irán, Estados Unidos, Italia e Honduras.
O cartel da MITEU inclúe máis de 30 espectáculos de teatro, danza e circo, que se acompañarán con concertos, documentais, unha exposición, un obradoiro e clases maxistrais, para converter a cidade “nun espazo de encontro de actores, directores, guionistas e público”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta mañá durante a rolda de prensa de presentación que tivo lugar en Ourense na véspera do Día Internacional do Teatro.
Intercambio artístico e cultural
Nun acto no que tamén participaron o director da mostra, Fernando Dacosta; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón; e a concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido; o secretario xeral referiuse á necesidade dos estudantes e das persoas en formación escénica de contar con “espazos de encontro para o intercambio artístico e humano, que lles permitan compartir co público o seu traballo”. Nese sentido, destacou o interese da mostra para dar a coñecer as propostas artísticas galegas dos grupos de teatro universitario, en diálogo con grupos de diversas procedencias e de compañías profesionais galegas e internacionais.
Unha completa programación con diversos xéneros e estilos
O 16 de abril, a aula de teatro universitario de Ourense Rosaura será a encargada de abrir a programación, coa estrea da obra ‘Donos do tempo’, nunha xornada que tamén contará coas actuacións da aula de teatro ourensá Cordelia e da compañía andaluza Zen del Sur, para rematar co concerto do grupo galego Raindogs. O venres 17 de abril será a quenda do grupo universitario de Castela-A Mancha Malaestirpe e mais da compañía belga Okidok.
Na fin de semana, o sábado 17 comezará co espectáculo da aula de teatro de Santiago, que ofrecerá unha adaptación libre do musical de Broadway, coa colaboración da Orquestra de Cámara da USC. A xornada rematará co V Encontro de Danza Interuniversitaria, no que participarán as compañías das universidades da Coruña e de Santiago, Miriam Centro de Danza, de Ourense, e Tics Espazo de Danza. O día19, a aula de teatro infantil Geppetto de Ourense fará gozar os nenos e nenas coa obra ‘As aventuras de Polgariña’. A continuación, Teatro El Mayal, da Universidade de León, representará a obra ‘Hotel Las Vegas’.
A semana seguinte comezará cos espectáculos ‘Degüello’, o luns 20 de abril, e ‘Cartas de las golondrinas’, o martes 21, que porán en escena a aula de teatro universitario de Huelva e a compañía Escena Miriñaque, de Cantabria, respectivamente. A programación teatral galega e lusófona será a protagonista o mércores 22 de abril, co espectáculo ‘Pangeia’, de Limiar Teatro e Acaso Danza, e mais coa obra ‘Pessoa... Pessoa...’, da compañía Somá Cambá de Cabo Verde.
Estrea de Leo Bassi
A obra ‘Pequenos actos pseudorrevolucionarios’, da compañía galega Ibuprofeno Teatro, abrirá a xornada do día 23, que tamén contará co concerto do grupo Igmig e coa estrea en Galicia de ‘La gran misa patólica’, unha obra que representa un fito na carreira teatral de Leo Bassi, quen adapta para a escena unha “misa” bufonesca da Igrexa Patólica.
Ademais, o actor Leo Bassi será o encargado de ofrecer unha clase maxistral, o xoves 24, para afondar nun sistema que mestura a teoría con orixinais xogos psicolóxicos. Ese día tamén actuarán o grupo de teatro universitario de Belas Artes da Complutense e a compañía Asta Teatro de Portugal. Xa na fin de semana, a MITEU ofrecerá os espectáculos ‘A casa do vestido castanho’, de Teatr’Ubi, e ‘Shakespeare, Love, 2001’, da compañía de Irán Sokoot.
Corifeo Teatro da Coruña afondarán na espera e na desesperación co seu espectáculo ‘Salas de espera’, o luns 27. Ese mesmo día tamén actuarán a aula de teatro universitario da Coruña Normal, coa obra ‘Augusta’, e a compañía de teatro da USC do campus de Lugo, que interpretará ‘Lear. Da nada sae a nada’.
O martes 28 de abril será a quenda do grupo de teatro universitario de Navarra, coa obra ‘Besos’. Ao día seguinte, proxectarase ‘Access to the danger zone’, un documental dirixido por Eddie Gregoor e Peter Casaer que ofrece unha mirada desgarradora aos desafíos da entrega e da axuda humanitaria nos conflitos armados. Pechará a programación do mércores o espectáculo ‘De cómo moría y resucitaba Lázaro’, da Asociación Teatro Taller Tegucigalpa, de Honduras.
Premio da MITEU a Perqtores de Seixalbo
Na xornada de clausura, o 30 de abril, ademais da entrega de premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz, así como á mellor resolución técnica Suso Díaz, a organización da MITEU outorgaralle o premio da súa vixésima edición aos Perqtores de Seixalbo, por súa implicación e colaboración coa mostra desde hai anos. Finalmente, a mostra rematará co espectáculo ‘III’, da aula de teatro ourensá Maricastaña, e coa representación da obra ‘The Gagfather’, do grupo madrileño Yllana.
O auditorio, o teatro principal, o campus, así como diversas rúas e locais de Ourense serán os escenarios desta nova edición da MITEU, que tamén incluirá coloquios, a exposición ‘Dende o sur (Honduras)’, de Manu Bravo, do 16 ao 30 de abril no Teatro Principal, e un obradoiro de teatro do grupo Sokoot Theatre Group de Irán, o día 24 de abril.