Nova: Román Rodríguez anima a seguir reivindicando a figura e o legado de Laxeiro entre os galegos

16/01/2023

Román Rodríguez anima a seguir reivindicando a figura e o legado de Laxeiro entre os galegos

O titular de Cultura da Xunta define ao autor homenaxeado como: “un dos creadores máis orixinais da nosa historia”



Comisariada por Xurxo Lobato, a exposición permite ver o proceso creativo do artista en directo e outras pezas de gran interese documental

 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa na inauguración da exposición Acción Laxeiro, organizada pola Real Academia de Belas Artes en colaboración coa Xunta de Galicia, incluida nos actos de celebración do Día das Artes Galegas que se conmemorou en 2022.

 

O titular de Cultura da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou o papel da ampla programación levada a cabo o ano pasado para impulsar a obra do autor e animou a seguir reivindicando a súa figura “porque todo momento é bo para rememorar a un dos máis orixinais creadores e personaxe esencial da nosa historia artística”. Referiuse aos simposios, iniciativas divulgativas e exposicións itinerantes como a inaugurada hoxe que chega a Vilagarcía de Arousa avalada polo éxito nas anteriores paradas e que, como indicou, “é unha mostra orixinal e diferente que nos permite ver ao artista creando e traballando”.

 

Comisariada por Xurxo Lobato, parte da retrospectiva inclúe a elaboración en vivo dunha das súas obras nun acto público en Santiago de Compostela a finais dos anos 90. Compleméntase con fotografías de Laxeiro en pleno desenvolvemento do seu proceso creativo, así como retratos elaborados polo pintor lalinense doutros persoeiros da cultura do seu tempo, como Uxío Novoneyra ou Jorge Castillo, entre outros.

Comparte