Nova: A Xunta abre o plan de impulso do libro de 2023 coas primeiras axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas e promover nelas actividades
17/01/2023
A Xunta abre o plan de impulso do libro de 2023 coas primeiras axudas para mellorar as coleccións das bibliotecas públicas e promover nelas actividades
As convocatorias diríxense aos concellos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, empresas editoriais e profesionais da dinamización cultural
As editoriais xa poden rexistrar na plataforma dixital de novidades da Xunta de Galicia as súas últimas publicacións en galego co fin de distribuílas nas bibliotecas, mentres que os concellos poden solicitar axudas para adquirir novos títulos
Tamén arranca a campaña ‘Ler Conta Moito 2023’ coa apertura do prazo para que os profesionais inscriban as súas actividades no catálogo deste ano
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, aborda coa Federación de Librerías de Galicia distintas liñas de colaboración como o circuíto de feiras do libro
A Xunta de Galicia pon en marcha o seu plan de impulso ao sector do libro deste ano coa convocatoria das tres primeiras actuacións dirixidas as concellos e sector cultural. En concreto, está aberta xa a convocatoria de axudas por 550.000€ para dotar ás bibliotecas municipais de novidades editoriais e actualizar as coleccións. Para que os concellos poidan elixir os seus títulos, as editoriais poden tamén incorporar as súas novidades en galego á plataforma da Xunta. Por último, empresas e profesionais dedicados á dinamización cultural poden solicitar adherirse á programación de Ler conta moito 2023 nas bibliotecas.
Adquisición de novos títulos
Na primeira das convocatorias, os concellos integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia teñen ata o 13 de febreiro para solicitar as axudas e mellorar os seus fondos. Grazas a isto, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrece aos usuarios os novos títulos da literatura en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico. Igualmente, facilítase que melloren o resto da súa colección con monografías, libro infantil e libro para adultos, material sonoro CD e vinilo, videogravacións, recursos electrónicos ou calquera outro formato para videoxogos, partituras e material cartográfico.
Convocatoria para editoriais
De igual xeito, as propias editoriais poden propoñer os títulos dos que dispoñen para ser incorporados. A convocatoria, publicada tamén no Diario Oficial de Galicia, permite que as empresas inscriban os títulos que desexen na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia onde os concellos poderán consultar a oferta dispoñible. O prazo para que as editoriais sumen novos títulos rematara o vindeiro 17 de setembro.
Programación das bibliotecas
A terceira das liñas de traballo abertas está relacionada coa programación de Ler conta moito 2023, iniciativa para favorecer hábitos lectores a través de actividades que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios e que o ano pasado impulsou 708 actividades con máis de 36.000 participantes en 224 bibliotecas de toda Galicia.
Ata o 15 de febreiro, profesionais da dinamización cultural poden rexistrar as súas propostas neste catálogo. Estas deben estar dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura, a través da lectura, a escritura ou a creación artística. Tamén se valorará que difundan a cultura e lingua galega, divulguen o coñecemento ou que promovan o pensamento crítico, a innovación e a creatividade.
As iniciativas poden abranguer obradoiros creativos, actividades de narración oral, contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas ou similares, exposicións, actividades de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura, charlas sobre temas de interese social ou mesmo propostas audiovisuais ou dixitais como proxeccións, ciclos de cine ou creación de contidos dixitais, entre outros.
Traballo co sector
Xunto a estas medidas, a Xunta está a traballar xa co sector para a posta en marcha de distintas actividades de dinamización co libro. Precisamente, con este obxectivo o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse co presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, para abordar as liñas de colaboración. Entre outras accións, a Xunta de Galicia colaborará no circuíto de feiras do libro 2023 en distintos concellos galegos, iniciativa de éxito en 2022 cun 26% máis de librarías.
O apoio a estas accións se enmarca no compromiso da Xunta co fomento do libro e a lectura a través de distintas liñas específicas, entre elas o Bono Cultura, que en 2022 supuxo unha inxección económica de 1,6M€ no sector cultural, con especial repercusión nas librarías, ou a próxima posta en marcha das Bibliotecas Móbiles.