Nova: A Xunta ofrécelles aos guionistas galegos novas oportunidades de internacionalización a través do programa ‘European Writers Club’
19/01/2023
A Xunta ofrécelles aos guionistas galegos novas oportunidades de internacionalización a través do programa ‘European Writers Club’
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais presenta as claves deste proxecto europeo e as posibilidades de expansión que lles brindará aos creadores de contidos audiovisuais nas sesións abertas a celebrar en Ourense na primavera
Galicia é socia principal neste programa financiado pola Unión Europea con 1M€ e que se desenvolve desde 2022 xunto con entidades e institucións de oito países
O obxectivo é acadar un espazo común de xeración de contidos para televisión mediante a relación e implicación directa de guionistas, executivos de televisión e empresas produtoras e distribuidoras de 40 nacionalidades
Ourense, 19 de xaneiro de 2023
Os guionistas galegos poderán participar nas sesións abertas que se desenvolverán en Ourense do 30 de maio ao 5 de xuño no marco de European Writers Club (EWC), programa europeo do que a Xunta é socia principal e que brindará novas oportunidades de internacionalización para o noso audiovisual mediante a relación directa de creadores de contidos con executivos de televisión, produtoras e distribuidoras de 40 países.
Así llelo explicou hoxe en Ourense aos representantes do sector o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, nun acto que contou coa colaboración da Deputación Provincial e no que tamén participaron o produtor dinamarqués Thomas Hammeltoft, director de EWC, e Elizabeth López, directora da División Audiovisual da SGAE, que apoia así mesmo esta iniciativa. A guionista galega Gema R. Neira, de Bambú Producciones, única profesional española seleccionada polo programa, prestou o seu testemuño a partir da súa experiencia directa nas actividades xa desenvolvidas en Copenhague e Tallin, e como moderador exerceu Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España.
‘Creando historias xuntos’
Baixo o lema Creando historias xuntos, European Writers Club conta cun financiamento de 1M€ da Unión Europea para a execución do seu proxecto piloto, coliderado pola Xunta de Galicia e a entidade Vision Denmark. Ademais de España e Dinamarca, figuran incorporadas institucións públicas e privadas de Estonia, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e Islandia, ás que se suman obradoiros internacionais de referencia, como son Le Groupe Ouest (Francia) e Torino Film Lab (Italia).
Como expresou Jacobo Sutil, o proxecto facilitará un espazo común no ámbito europeo para que os produtos resultantes poidan competir con maior facilidade nas plataformas VOD e na conquista de audiencias globais, contribuíndo á creación de series de ficción que crucen fronteiras. O obxectivo principal é acelerar o proceso que vai da idea ao mercado, potenciando os temas e contidos locais con capacidade de recepción universal
Para isto, European Writers Club proporciona soporte e medios a unha rede internacional de que está a xerar ideas e conceptos. Despois dos encontros xa realizados en Copenhague e Tallin, Cork, en Irlanda, será o destino da vindeira cita desta selecta comunidade audiovisual antes da súa chegada presencial a Galicia.
Máis impulso para a escrita audiovisual galega
Na súa intervención, o director de Industrias Culturais da Xunta referiuse ao talento e á puxanza da industria audiovisual galega “con títulos de series e películas que poboan con éxito as carteleiras de plataformas, cinemas e festivais de todo o mundo e con capacidade para se integrar sen complexos no plano de negocio europeo”. Animou os profesionais galegos a aproveitar aínda máis este potencial e a se inscribir nas materclass e obradoiros paralelos que se desenvolverán en Ourense no marco de EWC. Cualificou a súa apertura ao sector galego como un importante paso adiante na política de internacionalización cultural que xa está a levar a cabo o Goberno autonómico e que se verá máis reforzada con proxectos a piques de materializarse, entre os que citou a Galicia Film Commission.
European Writers Club chegará a Ourense o 30 de maio coa sesións final de impulso de conceptos entre guionistas, asesores expertos, executivos de televisión, distribuidores de series e representantes de produtoras. Analizará as necesidades concretas dos creadores de contido mediante unha filosofía baseada no traballo práctico de xeito colaborativo como ferramenta eficaz para fortalecer a calidade dos conceptos e potenciar o proceso creativo. Os guionistas elixidos para esta etapa accederán a un espazo de diálogo con creadores de alto nivel doutros países, para afinar e ampliar o potencial das súas propostas e abrilas a unha maior audiencia europea.