Nova: O Diario Oficial de Galicia publica o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural a zona arqueolóxica de Adro Vello, no Grove

26/01/2023

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural a zona arqueolóxica de Adro Vello, no Grove

Culmina o proceso aberto pola Xunta hai un ano para garantir a protección deste conxunto polo seu interese científico, histórico e arqueolóxico

Desde a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia en 2016, a Xunta declarou 106 novos BIC, polo que a día de hoxe Galicia suma un total de 779

 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a zona arqueolóxica de Adro Vello na parroquia de San Vicente do Mar, no concello do Grove. Isto supón a culminación definitiva do procedemento aberto pola Xunta de Galicia hai un ano para aplicar o réxime de tutela da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e outorgar o maior nivel de protección deste xacemento arqueolóxico.

 

Tal e como se recolle no decreto, tras a autorización do Consello da Xunta en decembro de 2022, a xustificación para a súa declaración fundaméntase no seu interese científico, así como na súa importancia histórica no panorama da arqueoloxía clásica en Galicia, que o configuran como un dos xacementos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma.

Nesta liña, o texto establece que a zona arqueolóxica de Adro Vello constitúe un fito de importancia clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés. A súa longa secuencia de ocupación e a variada tipoloxía de restos, que van desde unha factoría de salgadura ata un sistema defensivo, restos de cerámica ou unha necrópole de inhumación con ata dez niveis, avalan o potencial de Adro Vello como un recurso de primeira magnitude e nunha das zonas arqueolóxicas máis importantes do noroeste peninsular.

 

A declaración impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio da Comunidade. Así o demostran tamén os 106 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que eleva ata os 779 os BIC que existen en Galicia.

 

Delimitación e contorno

Tanto a delimitación como o contorno de protección determinouse seguindo unha serie de criterios que permitisen unha preservación efectiva dos restos, atendendo á probable extensión dos mesmos e a morfoloxía do terreo. Para iso, procurouse seguir os límites actuais do catastro e a morfoloxía do propio terreo e integrouse tamén parte da praia tendo en conta a aparición constante de restos arqueolóxicos.

 

Ademais, no contorno de protección están integrados todos aqueles elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnográficos próximos ao xacemento que foran localizados ou recuperados desde a época romana ata a actualidade co obxectivo de preservar os espazos cuxa afección pode estar vencellada a comprensión dos valores culturais, de estudo ou de apreciación deste xacemento.

 

Restos de época romana e altomedieval

A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría, ata unha área de explotación de recursos mariños, unha necrópole, unha igrexa ou un conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

 

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero. Durante o pasado ano, a Xunta, coa colaboración da Universidade de Vigo, desenvolveu unha campaña para ampliar o coñecemento sobre este espazo cuxos primeiros resultados amosan un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia.

Comparte