Nova: A XUNTA APROBA O NOVO PLAN XERACIÓN CULTURA CUN INVESTIMENTO DE 34M€ PARA IMPULSAR EN 2023 O GRAN MOMENTO DA CREACIÓN GALEGA
26/01/2023
A XUNTA APROBA O NOVO PLAN XERACIÓN CULTURA CUN INVESTIMENTO DE 34M€ PARA IMPULSAR EN 2023 O GRAN MOMENTO DA CREACIÓN GALEGA
- Nace co reto de establecer un amplo marco de traballo e para achegar ferramentas ás empresas do sector e reforzalo como xerador de riqueza e benestar
- Estruturado en 5 eixes e 57 accións, está dirixido a garantir o acceso universal á cultura, impulsar o talento e apostar pola modernización das infraestruturas
- Desenvolveranse dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e poranse en marcha seis plans sectoriais do ámbito da cultura e da danza, de apoio aos creadores, de dinamización da lectura, de formación e de proxección exterior
- Inclúe medidas novidosas como a posta en marcha da Galicia Film Commision para consolidar a comunidade como plató de cinema e televisión
- Crearanse unha rede de centros culturais do rural, que incluirá tamén fundacións e casas-museos, e lanzarase unha nova liña de axudas para bens etnolóxicos
- O Plan veríase ampliado e reforzado se o Goberno central accede á petición do PERTE cultural que a Xunta de Galicia leva tempo reclamándolle
A Xunta contará este ano 2023 cunha nova folla de ruta para acompañar e reforzar con novas iniciativas o gran momento de creación e expansión do sector cultural galego. Trátase do Plan Xeración Cultura aprobado hoxe no Consello da Xunta que, cun investimento de 34M€, inclúe unha batería de 57 accións, algunhas novidosas como a posta en marcha da Galicia Film Commision para consolidar Galicia como plató de cinema, a creación da rede de dinamización de centros culturais do rural, que inclúe fundacións e casas-museo, ou o lanzamento dunha nova liña de axudas dirixida a particulares para a conservación de bens etnolóxicos. Tamén se porán en marcha seis novos plans sectoriais para, entre outros, dinamizar a lectura, impulsar a formación no sector ou apostar pola acción exterior e dúas novas leis no eido da dixitalización e da accesibilidade.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades avanzou polo miúdo ante o Consello da Xunta as principais liñas deste novo plan que nace co reto de establecer un amplo marco de traballo e unha batería de accións para a sociedade e profesionais do sector que recoñecen o seu peso na. Busca, ademais, transferir fondos ás empresas do sector para contribuír ao seu fortalecemento como xerador de riqueza e benestar.
O Plan Xeración Cultura lánzase nun contexto no que é necesario seguir co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos nun escenario post-Xacobeo, celebración que apoiou dun xeito determinante a creación cultural. É froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e modernizar as estruturas empresariais e de creación.
Mellorar e garantir o acceso
Esta nova folla de ruta estrutúrase en cinco eixos de actuación. O primeiro oriéntase a garantir o acceso universal á cultura, para o que se inclúen distintas accións centradas no apoio a todo tipo de programación e redes de difusión da cultura, tanto de titularidade pública como privada, desde cines, teatros, salas de música, festivais de distintos xéneros musicais, bibliotecas, arquivos, museos...
Entre as novas medidas, crearanse unha rede de dinamización de centros culturais do rural, que inclúe fundacións e casas-museo, coa intención de reforzar o acceso á cultura tamén nestas zonas. Ademais, desenvolverase a nova lei de Cultura Inclusiva e Accesible, que incluirá a posta en marcha dun observatorio, e poranse en marcha os plans de dinamización da cultura, da dinamización da lectura e da danza.
Creatividade e novos talentos
O Plan Xeración Cultura 2023 tamén pon o foco na creatividade e nos novos talentos. No seu segundo eixo de actuación inclúe distintas medidas de apoio á produción, desenvolvemento e talento audiovisual e para a creación escénica.
Unha das medidas máis novidosas é a posta en marcha da Galicia Film Commision, coa que se ofrecerán ferramentas aos profesionais do sector para consolidar a comunidade galega como plató de cine e televisión. Tamén se creará unha nova aceleradora para impulsar proxectos musicais así como un plan específico de apoio a creadores culturais.
Dixitalización e innovación
Con esta nova folla de ruta, a Xunta dá resposta, ademais, ás novas necesidades do sector, polo que o terceiro dos eixos está centrado na innovación, dixitalización e modernización, con especial atención ás tecnoloxías emerxentes como intelixencia artificial ou realidade virtual e aumentada, entre outras.
Entre as accións previstas inclúense a posta en marcha do novo Centro de Artes Dixitais na Cidade da Cultura, así como distintos proxectos de dixitalización, incluíndo de bens culturais. Tamén está prevista a aprobación da nova Lei de Cultura Dixital este ano.
Infraestruturas e legado cultural
O cuarto dos eixos oriéntase á preservación e protección do legado cultural e aposta pola modernización das infraestruturas culturais a través de distintas liñas de apoio para os distintos equipamentos culturais. Ao abeiro deste apartado crearase un Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural, así como unha novidosa liña de axudas destinada a particulares para a conservación de patrimonio etnolóxico.
No eido dos equipamentos, inclúense un programa de mellora das infraestruturas e espazos culturais, entre eles, a ampliación do Museo Massó, a mellora e acondicionamento da Illa de San Simón, a rehabilitación da casa de María Antonia Dans ou a posta en marcha do Museo da Fábrica de Papel no Carballiño.
Proxección exterior e formación
Por último, o quinto eixo de actuación céntrase na proxección exterior e internacionalización, así como na formación, con accións destinadas a apoiar a distribución das artes escénicas e a música, axudas á asistencia a foros profesionais e mercados audiovisuais, participación nas feiras internacionais do libro e asistencia de creadores a eventos internacionais. Entre as medidas destacadas, inclúese a creación dun Plan de acción cultural no exterior e un Plan de formación no ámbito da cultura.
Dinamismo cultural
O Plan Xeración Cultura chega avalado polas boas cifras do sector dos últimos meses tras a situación derivada da covid-19 co remate das restricións máis severas, o que posibilitou un maior dinamismo e normalidade na oferta, que tivo como apoxeo un verán de 2022 de plena normalidade. A este dinamismo contribuíu a celebración do Xacobeo 21-22.
No contexto da pandemia, a Xunta sempre deu prioridade á continuidade das iniciativas culturais e á salvagarda do tecido profesional. Por iso, foi a primeira administración en ofrecer unha resposta rápida e eficaz co Plan de Reactivación Cultural en 2020-2021 e con medidas posteriores de apoio como o Hub Audiovisual, o Bono Cultura ou a iniciativa Territorio Cultura. Agora, a Xunta insiste na súa petición ao Goberno central da posta en marcha dun PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) da cultura para impulsar en Galicia un sector con capacidade de transformación económica e para xerar benestar e cohesión social. O Plan Xeración Cultura veríase ampliado e reforzado se o Goberno central accede á petición do PERTE que a Xunta leva tempo reclamando.
O sector cultural supón o 3% do PIB galego e un 3,6% do emprego. Segundo os últimos datos do Observatorio do Consello da Cultura Galega, hai 35.400 persoas que traballan na cultura, 500 máis que no primeiro trimestre de 2022. Este dato vén acompañado dun aumento na creación de empresas, que medrou un 3%.