Nova: A Xunta organizará un congreso internacional na Ribeira Sacra este verán para relanzar a candidatura a Patrimonio da Humanidade
29/01/2023
A Xunta organizará un congreso internacional na Ribeira Sacra este verán para relanzar a candidatura a Patrimonio da Humanidade
O titular de Cultura expón que Galicia “traballa para estar preparada” e presentar as outras dúas candidaturas en marcha, Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas e Ferrol. Porto da Ilustración, á fase final deste proceso en canto se retomen os prazos a nivel nacional
París, 29 de xaneiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta semana en París co embaixador de España na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes, a quen avanzou que a Xunta de Galicia organizará un congreso internacional na Ribeira Sacra o próximo verán para relanzar a candidatura a Patrimonio da Humanidade desta zona de Lugo e Ourense.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, visitou a sede da delegación española na Unesco, onde foi recibido por Rodríguez Uribes para manter un cordial encontro no que abordar os últimos avances que está a realizar Galicia nas tres candidaturas a Patrimonio Mundial en marcha: a propia Ribeira Sacra, Cíes-Parque Nacional da Illas Atlánticas e Ferrol. Porto da Ilustración.
No caso concreto da Ribeira Sacra, o Goberno galego planifica o devandito congreso para este verán coa participación de expertos nacionais e internacionais e aberto ao público. A intención é “revitalizar unha candidatura sólida e con moitas posibilidades, exemplo representativo dunha paisaxe cultural que ten a pegada de varios momentos da nosa historia e que é, ademais, un modelo destacado de construción do territorio”, indica. O conselleiro, que agradeceu ao embaixador a súa receptividade ás propostas de Galicia, convidouno a participar neste congreso.
Influencia da covid e de Ucraína
O titular de Cultura da Xunta deu conta, ademais, da “boa marcha” das outras dúas candidaturas, de xeito que Galicia estea en disposición de presentalas á fase final en canto se retomen os prazos a nivel nacional. Nestes momentos, Unesco encadea varios retrasos na aprobación de declaracións a nivel internacional, primeiro debido á paralización da covid e despois pola guerra de Ucraína. Isto fixo que non se puideran celebrar comités para novos recoñecementos nin en 2020 nin en 2022, cando o comité da Unesco tiña planificado reunirse en Rusia. Debido a isto, o Goberno do Estado optou por traballar coas candidaturas españolas xa na fase final antes de abrirse a outras.
Namentres, o conselleiro trasladou o compromiso de Galicia de “estar preparados” para ese momento. Para iso, explicoulle, a Xunta está a traballar no expediente de Cíes-Illas Atlánticas coas achegas das universidades galegas, na última fase de revisión para ser actualizado e completado de xeito acorde á capacidade dunha candidatura con gran potencial.
No caso de Ferrol. Porto da Ilustración, deu tamén conta dos trámites en marcha, coa constitución dun grupo de traballo xunto ao Concello de Ferrol e á Armada Española para abordar de xeito compartido a planificación das fortalezas desta candidatura.
Segundo encontro en dous meses
Este encontro celebrado en París co embaixador de España na Unesco dá continuidade ao mantido o pasado mes de decembro en Rabat, durante o 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, no que se aprobou a entrada do proxecto educativo Ponte... nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas da Unesco. Como trasladou Román Rodríguez, esta axenda coa Unesco amosa o compromiso da Xunta na defensa e proxección internacional do nosso patrimonio.