Nova: A Xunta inicia a promoción internacional das curtametraxes galegas no festival francés de curtas de Clermont-Ferrand

30/01/2023

A Xunta inicia a promoción internacional das curtametraxes galegas no festival francés de curtas de Clermont-Ferrand

O catálogo ‘Shorts from Galicia 2023’ reúne os novos traballos dos cineastas Ángel Santos, Xacio Baño, Anita Pico, Alberto Díaz, David Fidalgo e Anxos Fazáns, ademais dos avances das próximas curtas de Carla Andrade, Rosa Taboada e Martín Romero



Os galegos Pedro Díaz, con ‘La entrega’, e Lois Patiño, con ‘El sembrador de estrellas’, compiten respectivamente nas seccións Internacional e LAB do prestixioso certame

 

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023 O 45º Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, sinala o inicio da promoción dunha nova edición do catálogo Shorts from Galicia, editado anualmente pola Xunta para dar conta da calidade da creación galega neste formato audiovisual. En concreto, a publicación está a difundirse no mercado especializado que se desenvolve desde hoxe e ata o vindeiro día 3 en paralelo ao certame galo como cita de referencia para os profesionais da produción e distribución de curtas a nivel mundial.

Como en anos anteriores, unha comisión de especialistas realizou a escolma do catálogo galego, que reúne seis títulos de moi diferentes xéneros e estilos, ademais de avanzar tres traballos que se atopan en fase de desenvolvemento. Así, Shorts from Galicia 2023 ofrece información e acceso baixo demanda para o seu visionado profesional das curtametraxes Alicia fai as cousas, de Ángel Santos; Non te vexo, de Xacio Baño; A rabia, de Alberto Díaz; Sandwich Cat, de David Fidalgo; Habitar, de Anxos Fazáns, e Lique de Anita Pico. As cinco primeiras contaron, así mesmo, con subvención da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para levar a cabo a súa produción.

A selección complétase con Después de nada, de Carla Andrade; Barxacova, de Rosa Taboada, e To Bird or Not to Bird, de Martín Romero, que verán a luz proximamente.

Cineastas galegos na competición

A difusión de Shorts from Galicia en Clermont-Ferrand refórzase cunha ampla axenda de reunións con responsables de festivais e distribuidoras internacionais acreditados no prestixioso encontro galo, que conta tamén con representación galega nos apartados de competición e de exhibición.

 

Así, Pedro Díaz foi seleccionado na sección Internacional con La entrega, obra pola que é tamén finalista aos premios Goya, mentres que Lois Patiño regresa á LAB Competition coa súa curta El sembrador de estrellas. Ademais, ambas seranlles presentadas aos profesionais acreditados nunha das sesións especiais organizadas polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales no Georges Conchon Théâtre, dentro das que tamén se exhibirá a fita de David Fidalgo Sandwich Cat.

 
Axudas para a comercialización e difusión

A de Clermont-Ferrand é a primeira cita anual do calendario de mercados internacionais con presenza do audiovisual galego dentro da estratexia de internacionalización desenvolvida pola Xunta, que nestes momentos mantén aberta a súa convocatoria de axudas para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros especializados e eventos de cine fóra de Galicia. A través desta vía, o ano pasado apoiouse unha vintena de produtoras para a promoción dos seus traballos en encontros como a Berlinale, o Bafici de Bos Aires, o festival de Nova York ou o Mipcom de Cannes.

 

Xunto con Short from Galicia, a Xunta edita tamén o catálogo de películas e series Films from Galicia, en ambos casos acompañados do seu correspondente vídeo promocional para a súa difusión e redes e eventos especializados.

Comparte