Nova: A Xunta celebra a recuperación do mosteiro de Dozón, unha das principais xoias do rural galego

04/02/2023

A Xunta celebra a recuperación do mosteiro de Dozón, unha das principais xoias do rural galego

O conselleiro de Cultura inaugura a rehabilitación de San Pedro de Vilanova, onde a Xunta de Galicia acaba de investir 300.000€

 

A intervención centrouse na mellora da cuberta, fachadas e carpintería exterior, así como na conservación do retablo maior do templo románico

 

A actuación forma parte do compromiso da Administración galega coa protección do patrimonio cultural da nosa Comunidade, á que este ano destina un 14% máis

 

Dozón (Pontevedra), 4 de febreiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o mosteiro de San Pedro de Vilanova, no concello de Dozón, onde a Xunta de Galicia acaba de completar traballos de rehabilitación cun investimento superior aos 300.000€. A intervención, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, centrouse na mellora da cuberta, fachadas e carpintería exterior, así como na conservación do retablo maior deste templo románico.

No acto de inauguración coa veciñanza, que contou coa actuación musical de Emilio Rúa e Margarida Mariño, o representante da Xunta de Galicia celebrou que os traballos permitisen recuperar “unha das principais xoias patrimoniais do rural galego e poñer en valor este templo románico de máis de 900 anos de historia”.

“En Galicia temos a sorte de contar cun rico e variado patrimonio cultural espallado por todo o territorio que en moitos concellos rurais funciona como un auténtico dinamizador da oferta cultural”, explicou Román Rodríguez.

Neste senso, salientou o forte compromiso da Administración autonómica coa conservación, restauración, investigación e divulgación do patrimonio cultural da nosa Comunidade. “Somos a administración que máis inviste en tarefas de rehabilitación. Así o demostran as contas da Consellería, que este ano incrementa un 14% a partida destinada a este fin”, afirmou.  

Acabar cos problemas de humidade

Neste caso, os traballos impulsados pola Xunta de Galicia estaban destinados a poñer en valor o templo románico de San Pedro de Vilanova de Dozón e a resolver os problemas de humidade que afectaban as zonas sur e norte intervindo nas fachadas e nas cubertas. O proxecto completouse coa pavimentación da contorna exterior con acabados pétreos e co acondicionamento dos muros exteriores no adro, así como a canalización de pluviais e drenaxes.

Por outro lado, nunha segunda fase, actuouse no retablo maior e no frontal do altar da igrexa co obxectivo de recuperar a súa estabilidade e garantir a súa conservación. Neste marco, os traballos incluíron a desmontaxe dos elementos para limpalos, sanealos e aplicarlle tratamentos cromáticos e de eliminación de deformacións.

Comparte