Nova: O Gaiás convida as familias a festexar o Entroido cun gran baile de máscaras inspirado nas viaxes no tempo e un espectáculo de ‘Pakolas’
05/02/2023
O Gaiás convida as familias a festexar o Entroido cun gran baile de máscaras inspirado nas viaxes no tempo e un espectáculo de ‘Pakolas’
O luns de Entroido haberá unha animada tarde de festa con baile, desfile de disfraces e agasallos no Museo Centro Gaiás
O músico Paco Cerdeira ‘Pakolas’ porá a bailar a grandes e pequenos co seu rock para público miúdo e as aventuras de Ramona Órbita, unha avoa da Serra do Courel que inventou unha máquina do tempo coa que procura un mundo máis sostible
As entradas xa poden retirarse, a un prezo de 3 € máis gastos de xestión, na web da Cidade da Cultura ou en Ataquilla.com
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2023 A Cidade da Cultura recupera este ano o seu tradicional Baile de Entroido —que interrompera a súa celebración tras a pandemia— e convida ao público a unha divertida tarde de festa familiar na que a música de Paco Cerdeira Pakolas, e un gran baile de disfraces de temática relacionada coas viaxes no tempo serán os grandes protagonistas.
Na tarde do luns de Entroido, 20 de febreiro, o Museo Centro Gaiás acollerá un programa festivo a partir das 16,30 horas, comezando cunha animada pinchada musical coa que ir desenferruxando as articulacións. A partir das 17,30 horas será a quenda de queimar a pista de baile co rock de Pakolas e Ramona Órbita e, xa para despedir a tarde, ás 18,30 horas, celebrarase un desfile de disfraces onde os máis sorprendentes e orixinais levarán un pequeno agasallo.
Acorde ao espectáculo central da xornada, a temática do baile deste ano serán as viaxes no tempo, polo que o Gaiás poboarase de dinosauros e robots, faraóns e cavernícolas, e por suposto viaxeiras e viaxeiros do tempo de toda caste dispostos a bailar e cantar ata quedar sen folgos coas aventuras de Ramona Órbita que conta con grande aceptación entre os máis cativos e cativas da casa.
As entradas teñen un prezo de 3 euros (máis gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás ou en liña na web da Cidade da Cultura ou en Ataquilla.com.
‘Cores, cantos e rock’n’roll con Ramona Órbita’
Neste espectáculo, que destaca pola súa intelixente combinación de humor, calidade musical e forza interpretativa, Pakolas canta e narra as aventuras desta avoa do Courel, que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela, Ramona Órbita viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo máis xusto e ecolóxico.
Así, a través de animadas cancións e dos debuxos en directo da ilustradora Laura Romero, o público vai saltando a diferentes épocas: desde a Prehistoria, ao Renacemento ou ao Antigo Exipto, ata chegar a un futuro no que cantar por unha sociedade máis concienciada co coidado da contorna e o respecto ao medio ambiente.
Paco Cerdeira ‘Pakolas’
Autor, compositor, intérprete e produtor de música pensada para o público miúdo, Paco Cerdeira conta cunha traxectoria de máis de 15 anos ás súas costas. Formou parte do grupo Mamá Cabra durante unha década e é fundador e integrante da Gramola Gominola (compositor, guitarra e voz). Co seu proxecto individual Pakolas, editou dous libro-discos e leva xirando por toda Galicia desde 2017.