Nova: Román Rodríguez refírese á estrea de ‘Shakespeare en Roma’ como o gran desafío que dá conta da madurez do Centro Dramático Galego

07/02/2023

Román Rodríguez refírese á estrea de ‘Shakespeare en Roma’ como o gran desafío que dá conta da madurez do Centro Dramático Galego

A nova produción da compañía teatral da Xunta poderá verse no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, do 9 de febreiro ao 2 de abril

Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado interpretan os 47 personaxes desta proposta, que condensa os catro textos do dramaturgo inglés ambientados no Imperio Romano

Rui Madeira dirixe a versión de ‘Coriolano’, María Barcala e Xúlio Lago a de ‘Xulio César’, Sara Rey a de ‘Antonio e Cleopatra’ e Quico Cadaval a de ‘Tito Andrónico’

 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023.- O Centro Dramático Galego estrea este xoves día 9 en Santiago de Compostela Shakespeare en Roma, que en palabras do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, supón “un gran desafío artístico e de produción para dar conta da madurez e solvencia da compañía teatral da Xunta”. O espectáculo ofrece un achegamento inédito e singular ás catro pezas que o gran dramaturgo inglés ambientou no Imperio Romano (Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico), condensadas en pouco máis de dúas horas a partir de catro olladas dramatúrxicas diferentes e levadas a escena por outros tantos equipos de dirección cun mesmo elenco de oito intérpretes.

Román Rodríguez fixo fincapé nas particularidades da nova produción da compañía pública galega durante a presentación celebrada hoxe no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, que ata o 2 de abril se transforma en escenario teatral para acoller as 39 funcións da montaxe. Neste sentido, agradeceulle publicamente ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, a colaboración institucional que posibilita a utilización deste emblemático espazo para os ensaios e as representacións de Shakespeare en Roma, así como o desenvolvemento de diferentes accións de divulgación cultural arredor desta proposta para o alumnado universitario.

O conselleiro e o reitor estiveron acompañados neste acto polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como por unha nutrida representación do equipo artístico e técnico do espectáculo. En nome del, tomaron a palabra o director portugués Rui Madeira, á fronte da peza Coriolano; María Barcala e Xúlio Lago, de Xulio César; Sara Rey, de Antonio e Cleopatra, e Quico Cadaval, de Tito Andrónico, así como Sheyla Fariña, en representación do elenco do que tamén forman parte Xurxo Cortázar, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado.

Oito intérpretes para 47 personaxes

Estes oito intérpretes poñen en escena os 47 personaxes desta proposta, desenvolvida a partir das dramaturxias creadas ex profeso polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko para Coriolano e as galegas Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico.

 

Pola súa banda, o dúo Saturna asina o deseño de vestiario; Xosé Lois Romero, o espazo sonoro, e Juanjo Amado, a iluminación, mentres que Keka Losada e José Díaz encárganse respectivamente da asistencia de dirección e de produción.

 

Coa elección dun espazo non convencional para Shakespeare en Roma, o Centro Dramático Galego enfronta un importante reto artístico e técnico para imbuír o público no ambiente e o espírito dos orixinais asinados polo británico. Desenvolveuse con tal fin unha posta en escena de proximidade, na que os espectadores se disporán nas cadeiras do Salón Nobre a modo de Senado romano. Ademais, o Pazo de Fonseca contribuirá a trasladalos ao tempo histórico no que se escribiron e se estrearon por vez primeira estas obras.

 

Coa guerra de Ucraína como pano de fondo, a montaxe do Centro Dramático Galego conecta o presente, o período isabelino e a Roma clásica para propoñer unha reflexión sobre a recorrencia dos conflitos bélicos, a violencia e a loita polo poder. Estes tres factores guían o destino dos personaxes de Shakespeare en Roma, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos catro textos.

Revisión dos clásicos

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou este regreso da compañía teatral da Xunta ao universo do bardo de Stratford-upon-Avon, a partir do que ten levado a escena algúns dos seus espectáculos máis celebrados e lembrados, como Soño dunha noite de verán, Ricardo III ou Noite de Reis. “O Centro Dramático Galego sempre busca novos e innovadores retos, pero ás veces o máis innovador é precisamente revisar os clásicos desde una nova perspectiva”, sinalou.

 

Así mesmo, enmarcou esta proposta no programa de producións propias que o Centro Dramático Galego desenvolve xunto a outra serie de accións nesta temporada 2022-2023 e dentro da que Recortes, caneos e outras formas de driblar acaba de pechar a súa xira galega cun gran éxito de público. Ademais, trabállase xa na primeira adaptación desde o teatro profesional da peza de Xohana Torres Un hotel de primeira sobre o río cara á súa estrea esta primavera.

 

Mobilidade e inclusión

Con Shakespeare en Roma, a compañía pública continúa avanzando tamén na mobilidade, a través da posta a disposición de transporte a Santiago desde distintos concellos galegos co programa #Sobeaobusdoteatro, ao tempo que na inclusión como liñas básicas de servizo público. Así, en Fonseca manteranse as funcións descontraídas dos mércores, nas que as representacións lévanse a cabo nunha atmosfera máis relaxada do habitual para facilitar a asistencia ao teatro e a comodidade de persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

 

As entradas para o novo espectáculo do Centro Dramático Galego, todas elas programadas ás 19,00 h., poden adquirise por adiantado na web www.entradasataquilla.com a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros para os domingos, día do espectador. Instalarase, ademais, un despacho de billetes no Pazo de Fonseca, que abrirá ao público unha hora antes do comezo das representacións.

Comparte