Nova: Os museos da Xunta programarán este ano 68 exposicións tras recuperar os niveis previos á pandemia, con preto de 400.000 visitantes en 2022
08/02/2023
Os museos da Xunta programarán este ano 68 exposicións tras recuperar os niveis previos á pandemia, con preto de 400.000 visitantes en 2022
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presenta unha programación “ambiciosa e competitiva que aposta por novos formatos, contidos e ferramentas dixitais e que é atractiva para o conxunto da cidadanía”
Incluiranse propostas ao redor da obra de figuras como Picasso ou Lugrís, que se poderán ver no Museo de Belas Artes da Coruña e no Massó en Bueu
Terán un especial protagonismo as efemérides de grandes artistas, así como a conmemoración do 30 aniversario do CGAC e o 40 do Museo de Viladonga
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 Os 12 museos xestionados pola Xunta de Galicia ofrecerán este ano unha “ambiciosa e competitiva” programación cun total de 68 exposicións despois de vivir un “gran” 2022, ao recuperar niveis de visitantes previos á pandemia -con preto de 400.000- e triplicar as cifras de visitantes de 2009.
Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto xunto aos equipos directivos dos museos e no que afirmou que se trata dunha programación “ampla, diversa e de calidade que resulta atractiva para o conxunto da cidadanía ao incluír propostas para todos os públicos”. “Os nosos museos non son alleos ao momento no que vivimos e por iso este ano fan unha aposta decidida polos novos formatos, contidos e ferramentas dixitais para consolidarse como dispositivos culturais útiles e valorados pola sociedade”, engadiu Román Rodríguez.
O responsable autonómico de Cultura explicou que o calendario de actividades conta con propostas ao redor de grandes artistas e que, ademais de exposicións, haberá “iniciativas que situarán a Galicia no mapa de importantes efemérides culturais nacionais e internacionais”, en referencia a citas como o Ano Picasso, os aniversarios do CGAC e o Museo de Viladonga, os centenarios do poeta Carlos Oroza e do Seminario de Estudos galegos e o 50 aniversario do pasamento de Urbano Lugrís, entre outras.
Neste sentido referiuse a Picasso. Branco no recordo azul, a única mostra galega incluída na programación conmemorativa do Ano Picasso. Está organizada pola Xunta e poderá visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña, onde tamén se vai conmemorar o centenario do pasamento de Joaquín Sorolla, cunha exposición que traerá a Galicia no segundo semestre do ano algunhas obras destacadas do pintor valenciano.
Tamén no museo coruñés se vai realizar este ano unha musealización virtual da Torre da Parada, residencia de recreo de Felipe II destruída no século XVIII. Trátase dunha acción especialmente simbólica xa que o Museo de Belas Artes alberga na súa colección dúas obras orixinais realizadas por Rubens para a decoración dese edificio.
Nova sala no Massó
Román Rodríguez referiuse tamén ás conmemoracións do 50 aniversario do pasamento de Urbano Lugrís, entre as que destacou a apertura dunha nova sala coa que se completará a exposición permanente dedicada ao autor no Museo Massó, en Bueu. Alí realizarase un percorrido pola obra que realizou nos primeiros anos da súa carreira como pintor por encargo da familia Massó e a pegada que deixou a colección do Museo Mariñeiro no universo pictórico de Lugrís.
O Museo do Mar de Galicia, pola súa banda, comezou o ano coa exposición 100 anos de RC Celta. Gol e Arte, dispoñible ata o 26 de febreiro cos fondos pictóricos da Fundación Celta de Vigo. Ademais, o centro cultural de Vigo tamén ten previsto para este ano unha mostra fotográfica en colaboración co CGAC e un proxecto expositivo de carácter temporal sobre deportes náuticos. O calendario de actividades complétase con actividades didácticas tanto no museo como no Centro Arqueolóxico do Areal “Salinae”.
Aniversarios do CGAC e Viladonga
Ademais, dous centros museísticos están de aniversario: 30 anos o CGAC e 40 o Museo de Vilalonga, con intensa actividade. No caso do CGAC acolle 11 exposicións, tres delas nas que se repasará a historia do museo. Sumaranse Guerrilla Girls, de Yolanda Torrubia e Santiago Olmo; Re-Vision (es) de Olga Mesa; Almudena Fernánez Fariña, de Susana Cendán; Ashgar Farhadi. A Beirarrúa, de Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri e Novos imaxinarios: cinema e museo, de Miguel Ángel Delgado e Nicolás Combarro. Xunto as mostras incluiranse actividades paralelas como conversas con artistas, actividades escolares, visitas guiadas...
Pola súa banda, o Museo do Castro de Viladonga festexarao cunha exposición virtual na que se presentará a evolución e os traballos realizados no museo desde a súa creación.
Propostas arredor da peregrinación
Ademais da programación da Cidade da Cultura presentada hai uns días, tamén en Compostela o Museo das Peregrinacións e de Santiago albergará un total de sete propostas expositivas, entre as que se inclúen a mostra fotográfica In Itinere, de Javier Iglesias, que presentará unha serie de retratos de peregrinos no inicio e na chegada do Camiño; a mostra bibliográfica Compostela, fin de camiño con publicacións do fondo do museo ou Arte e Oficio en Compostela. O legado da xoiería Ángel, que amosará un conxunto inédito de obras artísticas conservado no seo dunha familia compostelá con obras de arte civil e relixiosa. Súmanse exposicións no marco do certame Compostela Ilustrada, outra sobre a figura de Elías Valiña e unha mostra fotográfica que recollerá as experiencias dos participantes no programa de voluntariado Europeo no Camiño.
Pola súa banda, o Museo Pedagóxico de Galicia ten previstas dúas exposicións. A primeira delas, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, estará centrada na educación, xénero e lectura, mentres que a segunda homenaxeará a Francisco Fernández del Riego no marco da celebración das Letras Galegas 2023.
Fundación Camilo José Cela
A Fundación Camilo José Cela programa Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela, coa que se une ás conmemoracións do Ano Picasso. Exporanse os materiais vinculados co pintor malagueño que coleccionou Cela e que agora custodia a Fundación de Iria Flavia. Tamén se realizará unha exposición conmemorativa polos 40 anos da publicación de Mazurca para dos muertos, coa que Cela gañaría o seu primeiro gran premio literario, o Premio Nacional de Narrativa de 1984.
Itinerancia polos concellos de Ourense
En Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense propón a exposición Ourense anos 20, que itinerará por distintos concellos da provincia. O Museo Etnolóxico de Ribadavia ofrece sete propostas, entre as que se dará a coñecer a colección téxtil de Manuel Rodríguez Calviño, a obra do artista gráfico Alfonso Soto Fon, a do fotógrafo ourensán Augusto Pacheco, así como unha mostra cos últimos bens adquiridos ou unha exposición sobre os resultados das campañas na Cova Eirós. Pola súa parte, o Museo do Viño de Galicia propón dúas exposicións: Uva, do artista gráfico Xosé Poldras, e O Viño de Galicia, de Xurxo Lobato.