Nova: A Xunta reforza a actividade de 11 salas galegas con 83 concertos da súa Rede de Música ao Vivo

09/02/2023

A Xunta reforza a actividade de 11 salas galegas con 83 concertos da súa Rede de Música ao Vivo

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inviste preto de 115.000 euros para asumir o 100% dos custos da produción e da contratación dos 63 grupos que actúan ata finais de setembro neste circuíto autonómico

A programación esténdese por unha decena de localidades cunha oferta integramente galega

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023 A Xunta achégalle ao público dunha decena de localidades galegas a nova programación da Rede Galega de Música ao Vivo, configurada por 83 concertos de moi variados estilos que terán lugar ata finais de setembro en 11 salas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia con preto de 115.000 euros o desenvolvemento destas actuacións, de xeito que asume o 100% dos custos da produción e da contratación dos 63 grupos galegos que as protagonizan.

 

Este investimento canalízase a través dunha das modalidades da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas, dentro da que xa no segundo semestre de 2022 se retomou a actividade do circuíto autonómico con 74 citas a cargo de 57 grupos. O obxectivo é contribuír á recuperación económica destes espazos, afectados polas medidas sanitarias, así como garantir a estabilidade na programación da música en directo en Galicia, máis alá dos eventos de gran formato, como parte dunha oferta cultural variada e descentralizada que busca a proximidade co público.

 

Esta nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo estase a desenvolver desde o pasado 11 de xaneiro en 11 locais das catro provincias: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol), Pub Gatos (Melide), Guión Clube (Pontedeume) e Borriquita de Belém e Casa das Crechas (Santiago de Compostela), na da Coruña; o Club Clavicémbalo da capital lucense, na de Lugo; Cafe Cultural Auriense (Ourense) e A Arca da Noe (Vilar de Santos), na de Ourense; e Sala Krazzy Kray (Cambados) e La Fábrica de Chocolate Club (Vigo), na de Pontevedra.

 

Seis citas esta semana

A carteleira desta semana arranca hoxe mesmo na Casa das Crechas de Santiago co concerto que ofrecerá ás 21,00 h. Madalena Gamalho, unha das voces emerxentes do actual panorama musical galego. Mañá venres será a quenda de Pauliña, quen actuará no Café Cultural Auriense, onde ao día seguinte estarán SonDaRúa. Tamén o sábado, a Rede Galega de Música ao Vivo programa os concertos de Los Jinetes del Trópico en La Fábrica de Chocolate, Broa no Pub Gatos e Belém Tajes Trío na Sala Guión.

 

Os 63 nomes que figuran no cartel 100% galego desta nova temporada do circuíto da Xunta dan conta da gran variedade do actual panorama musical galego en estilos como o folk, canción de autor, electrónica, pop, rock, blues, jazz ou rap, entre outros, da man de formacións como Ailá, Cuarta Xusta, Elephants Yard , Faltriqueira, Igloo, Ju Young & Martín Otero, Maryland, Moura, Nastasia Zücher, Sanny, Sinestesia ou The Rapants.

 

A programación completa pode consultarse nas seccións de axenda das web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.

 

Comparte